coada

coada

(< coar)

  1. s f
    1. Auga que se prepara con lixivia, deterxente ou, antigamente borralla, que se lle bota á roupa para que branquee.

      Ex: Meteu a roupa na coada antes de a meter na lavadora.

      Sinónimos: bogada.
    2. Acción de lavar a roupa con esa auga.

      Ex: Foi facer a coada na fonte do lugar.

      Sinónimos: bogada.
  2. s f [IND]

    Operación de botar dentro dun molde un metal fundido. Segundo a maneira de efectuala, a coada pode ser continua, na que o metal fundido cae continuamente nunha fileira arrefriada e sae en forma de barra, tubo, etc; por gravidade, que consiste en botar dentro dun funil de fundición o metal fundido, que polo seu propio peso pasa pola canle de coada ata encher o molde; ascendente, na que o metal fundido entra no molde pola parte inferior; centrífuga, na que o molde metálico onde se bota o metal fundido recibe un movemento de rotación ata que este está xa solidificado; e a presión, na que o metal fundido entra a presión no molde, impelido por un émbolo ou pola acción do aire comprimido.

  3. s f [ARTE]

    Arxila líquida que se bota nun molde para facer unha peza cerámica.

  4. [XEOG]
    1. s f

      Masa rochosa que se separa en forma de capas, de mantos ou de correntes, no momento que se encontra en estado fluído ou semifluído e que se consolida posteriormente.

    2. coada de lama

      Masa de rocha sedimentaria formada por minerais de gran moi fino (arxilas, margas) que, ao saturarse de auga, adquire a plasticidade suficiente para desprazarse en forma de fluído (favorecida neste desprazamento pola gravidade) dunha maneira rápida ou moi rápida.

    3. coada volcánica

      Masa de lava que sae ao exterior a través dun cráter e que se estende pola súa pendente mantendo a temperatura suficientemente elevada para descender con fluidez. Vai ocupando os vales ou os puntos máis baixos ata que se inmobiliza por arrefriamento. Son frecuentes nos volcáns que expulsan lavas de tipo básico, moi fluídas.