Coalición Canaria
Formación política creada en 1993 trala agrupación de diversas forzas non centralistas e de signo nacionalista ou autonomista de Canarias. Os partidos fundadores foron: Agrupaciones Independientes de Canarias (AIC), que é o partido con maior presenza no Parlamento de Canarias; Iniciativa por Canarias (ICAN), que representa o nacionalismo de esquerdas dende a transición; Centro Nacionalista Canario (CNN), que é o resultado da evolución cara a posicións nacionalistas do antigo Centro Democrático Social; Asamblea Majorera (AM), que é partido maioritario na illa de Fuerteventura; e o minoritario PNL. No seu primeiro congreso, celebrado en Santa Cruz de Tenerife en 1999, resultou elixido presidente Paulino Rivero Baute. Así mesmo, decidiuse que no segundo congreso, antes do verán do 2002, se modificase a estrutura da formación para convertela en partido único. Ostenta o goberno canario dende 1993 (ata o ano 2000 co apoio do Partido Popular), ocupa o goberno de tres dos sete cabidos insulares e dirixe case a metade dos concellos canarios; así mesmo, ten grupo parlamentario propio no Congreso de los Diputados e no Senado, e o seu apoio ao Partido Popular foi clave na elección de José María Aznar como presidente do goberno español en 1996.