Coalición Galega

Coalición Galega
Nome científico: [CG]

  Grupo político que xurdiu como coalición electoral de cara ás eleccións municipais de 1983, nas que obtivo 125.000 votos, e que se constituíu como partido en 1984. Composto por grupos moi heteroxéneos, como algúns membros da UCD ourensá liderados por Euloxio Gómez Franqueira ou o sector do PG liderado por Xosé Henrique Rodríguez Peña, era unha oferta de centro dereita galeguista. Nas eleccións autómicas de 1985 logrou o 13% dos votos e 11 deputados. Debido ás vacilacións manifestadas polos membros do grupo parlamentario ante a política de Xerardo Fernández Albor e ao fracaso nas eleccións estatais, nas que só conseguiron un deputado, cinco deputados autonómicos da CG abandonaron o grupo e en xaneiro de 1987 fundaron o PNG, liderado por Pablo González Mariñas e Rodríguez Peña. En setembro de 1987, votaron, conxuntamente co PSOE, o PNG e cinco deputados tránsfugas de CP, a moción de censura contra Fernández Albor. O novo goberno presidido por Fernando González Laxe incorporou a catro membros de CG, Xosé Luís Barreiro Rivas, en calidade de vicepresidente, Francisco Xavier Suárez-Vence, Santos Oujo Bello e Pablo Padín. Malia ese peso político, nas eleccións autonómicas de 1989 só lograron dous deputados. Ese feito levou á práctica desaparición do partido, aínda que nas eleccións europeas de 1994 conseguiron situar a Xosé Posada no Parlamento europeo. En maio do 2001, baixo a presidencia de Posada, presentou un proxecto de fusión con Progresistas Galegos, liderado por Manuel Soto, e Democracia Galega, de Enrique Marfany, para construír unha formación política nacionalista moderada.