Cobitis
Cobitis
[ANIMAL/ICT]
Xénero de peixes da familia dos cobítidos, de corpo alongado e cilíndrico, con ollos pequenos de posición dorsal e boca ínfera rodeada de seis barbiñas sensoriais. En condicións de escaseza de osíxeno disolto en auga, poden tragar aire na superficie e asimilalo no intestino. De hábitos nocturnos, durante o día permanece enterrado na area do fondo dos cursos ou lagos onde vive. En Galicia está presente a especie C. calderoni. Recibe a denominación común de barbela e lampuxa.