catarse

catarse

(< gr κάϴαρσις ‘purificación’)

  1. s f

    Purificación das emocións do espectador producida pola obra de arte. Para os pitagóricos era un efecto da harmonía, sobre todo musical. Aristóteles relacionouna coa traxedia na súa Poética. A mediados do s XVI recuperouse a expresión dentro dun debate xeral sobre o seu verdadeiro significado. Autores como Lessing, Schiller, Schopenhauer e Bergson relacionaron este termo coa arte. Brecht asimilouno a unha identificación sentimental ou moral e enfrontouno ao concepto de recoñecemento.

  2. s f [PSIC]

    Exteriorización, a miúdo emocionada, e expresión verbal de contidos mentais vinculados a situacións traumáticas, externas ou internas, que se afastan da consciencia debido a un proceso de represión. Este termo implica o elemento curativo ou paliativo que se intenta obter coa liberación ou descarga dos contidos reprimidos nunha especie de acción “purgativa” (catártica). J. Breuer e S. Freud empregaron por vez primeira o concepto de catarse en psicopatoloxía. Nun principio utilizaron a hipnose e, posteriormente, a técnica da libre asociación pola que o suxeito revive experiencias traumáticas esquecidas.

Palabras veciñas

catarro | Catarroja | catarroso -sa | catarse | Catarsis | catártico -ca | catártido -da