cempés
(< cen + pés)
Artrópodo da clase dos quilópodos, de corpo plano e alongado, dividido en numerosos metámeros iguais, normalmente entre 15 e 20, pero nalgunhas especies ata 177, cun par de patas que realizan un movemento simultáneo cando o animal se despraza. As patas só están ausentes no primero segmento, convertidas nun par de pezas velenosas. Na cabeza dispóñense un par de antenas, dous pares de maxilares e ollos dispostos en grupos de ocelos. Coñécense unhas 1.500 especies que varían dende os 2 mm ata máis de 100 mm. Son activos predadores que capturan insectos, anélidos e outros cempés, aínda que as especies máis grandes, como Scolopendra gigantea de Centroamérica, que acada os 10,5 cm de longo e 1 cm de ancho, poden atrapar lagartos, roedores e insectos grandes. Divídense en dúas subclases diferenciadas no desenvolvemento: os da subclase dos anamorfos dispoñen os ovos illados e as súas larvas presentan ao comezo só 7 pares de patas; os novos pares de patas aparécenlles ao longo das sucesivas mudas que permiten a medra. Os cempés da subclase dos epimorfos poñen os ovos de xeito agrupado e as larvas que nacen presentan xa o número definitivo de patas. A femia dos epimorfos escava unha cámara baixo pedra, empregando as mandíbulas e a cabeza, e logo de realizar a posta envólveos co seu corpo polo que non entran en contacto co chan e deféndeos de calquera agresor. Son nocturnos e usualmente descansan polo día en lugares húmidos, baixo un leito de follas ou pedras. Algunhas especies son luminiscentes, como o Geopillus electricus, presente en Europa. A especie Scutigera forceps, de distribución cosmopolita, acada os 5 cm de longo, con corpo aplanado e longo, segundo as especies, de aspecto liso e cun tegumento elástico de cor marrón brillante con tres franxas negras e 15 pares de patas. Ten unha mordedura máis forte ca a picadura dunha abella. A trabadela das especies tropicais de maior tamaño pode ser moi dolorosa pero rara vez mortal para o home.