columna
(< lat columna)
-
[ARQUIT]
-
s
f
Elemento arquitectónico de sección circular, xeralmente cilíndrica, que cumpre a función de soportar as presións verticais e oblicuas do arquitrabe e do arco. Traduciu en pedra a estrutura dunha árbore e empregouse tamén con fins decorativos e conmemorativos. Diferéncianse tres partes na columna: base, fuste e capitel. A columna monolítica está formada por unha única peza de pedra, mentres que a aparellada está feita de distintos tambores ou discos superpostos unidos por medio de aneis ou grampas de madeira ou metal. As primeiras columnas foron, probablemente, de madeira, e tiñan a función de suxeitar un teito. En Exipto comezou a empregarse a pedra como material para a súa construción e, ademais dunha función estrutural, a arquitectura exipcia dotou as columnas dunha función decorativa, para o que desenvolveu distintas tipoloxías: a columna campaniforme co fuste liso, ás veces decorado con inscricións, e o capitel con forma de folla de papiro aberto; a dactiliforme co fuste liso e a base circular rematada nun ramallo de palmas; as monostilas, con fuste liso e capitel pechado; as lotiformes e papiriformes co fuste fasciculado e que remataban en forma de folla de loto e de papiro, respectivamente; e as hatóricas, con fuste liso, base circular e capitel que reproducían a cabeza da deusa Hator. En Mesopotamia, a columna acadou unha función decorativa máis ca estrutural e así o fuste, feito en ladrillo ou en madeira, recubríase de mosaicos. Os persas aqueménidas crearon unha columna caracterizada por ter un zócolo campaniforme ou cadrado, fuste acanalado e capitel composto por torsos de touros ou grifóns e decorado con volutas. Os asirios e os hititas empregaron as columnas con fuste de madeira e base de pedra. A arquitectura cretense creou unha columna con fuste liso máis ancho pola parte superior ca pola base. No primeiro milenio a C, Grecia dotou da máxima significación á columna e estableceu un canon de medidas ao crear as tres ordes arquitectónicas (dórica, xónica e corintia), que deron lugar ás respectivas columnas: a dórica, sen base e con fuste acanalado e capitel con equino e ábaco; a xónica, con base circular, fuste acanalado con estrías e capitel rectangular con volutas; a corintia, diferenciada da xónica polo capitel en forma de campá invertida. Ademais, empregaron como columnas as figuras escultóricas do atlante e da cariátide. As conquistas de Alexandre o Grande levaron o uso da columna ata a India. Os romanos engadiron ás ordes gregas outras dúas: a toscana, con columna de fuste liso, base e capitel con astrágalo, colariño, aneis, equino e ábaco; e a composta, con capitel corintio decorado con volutas xónicas. Durante a Idade Media, as columnas xunto cos piares, empregáronse na sustentación de bóvedas. O románico empregou columnas con base, fuste liso e capitel xeralmente historiado, ao tempo que se usaron novas tipoloxías como a ática, a pegada, a acantoada ou a xeminada; o gótico utilizou unha columna cun fuste formado por diferentes columniñas. Na América precolombina a columna tamén se empregou pero non acadou a relevancia que tivo en Europa; consérvanse exemplos maias en Chichén-Itza. Durante o Renacemento, retornouse ás ordes clásicas, con especial preferencia pola orde corintia e composta que tiveron unha prolongada vixencia ata o Neoclasicismo, que preferiu a dórica e a xónica. Ademais, creáronse novas columnas como a enfaixada e a almofadada, e durante o Barroco a salomónica. No s XIX, a utilización de novos materiais, como o ferro e o cemento, levou á progresiva desaparición da columna como elemento sustentador.
-
columna acanalada/ estriada
Columna co fuste decorado con estrías verticais que poden estar unidas con filete ou non.
-
columna acantoada
Columna que está incrustada no ángulo dun piar para reforzalo.
-
columna acobadada
Columna que pola súa colocación forma un cóbado.
-
columna acobadelada
Columna situada no ángulo ou cóbado dun piar.
-
columna agrupada/ fasciculada/nervada
Columna co fuste formado por varias columniñas finas e delgadas.
-
columna almofadada/biselada
Columna que ten o fuste formado por bloques almofadados ou cadrados.
-
columna anelada/enfaixada
Columna co fuste formado por distintos aneis ou faixas de diferente diámetro e superpostos un tras outro.
-
columna anoada/ atada
Soporte feito en pedra que simula a unión de dúas ou catro columnas cos seus respectivos fustes anoados. É característico da arquitectura románica.
-
columna ática/cadrada
Columna que ten a súa base cadrada.
-
columna avultada/ barriguda/panzuda
Columna que presenta un fuste con éntase na súa parte central.
-
columna cóclida
Columna de grandes dimensións que ten o interior oco, acondicionado con escaleiras ou con otro medio, que permite o seu ascenso e descenso.
-
columna colosal/xigante
Columna característica da orde colosal ou xigante.
-
columna conmemorativa/triunfal
Columna que non ten función construtiva e que se erixiu en lembranza ou conmemoración dun suceso ou dun persoeiro. Pode estar decorada con relevos. Orixinaria dos piares votivos gregos onde se colocaban as estatuas, foron os romanos os que as desenvolveron e fixaron a súa tipoloxía. Da época republicana destacaron as erixidas por César, de menor tamaño ca as imperiais. Xa da época imperial sobresae a columna traxana, erixida no foro de Traxano no 113 para conmemorar a vitoria deste emperador sobre os dacios. O fuste decorouse con relevos colocados de forma helicoidal que narran as campañas do emperador. Baixo a base, estiveron gardadas as cinzas de Traxano. Remata nun capitel dórico sobre o que se situou unha estatua do emperador que o Papa Sisto V substituíu en 1589 por unha de san Pedro. No 180, o Senado erixiu unha columna en honor de Marco Aurelio na praza Colonna que conmemoraba as vitorias do emperador sobre os xermanos e os sármatas, campañas que se relatan nos relevos do fuste. A estatua que a coroaba foi substituída polo mesmo Sisto V por outra de san Paulo. No Campo de Marte houbo unha columna dedicada a Antonino Pío co fuste liso e coroada coa estatua do emperador, co pedestal decorado con relevos. No 608 construíuse no foro romano unha columna que conmemoraba as fazañas do emperador bizantino Focas. Fóra de Roma, construíronse en Constantinopla as columnas de Teodosio (386) e de Arcadio (403), e en Alexandría a columna de Pompeio, en lembranza de Diocleciano. No s XIX recuperouse o gusto pola columna e construíronse en honor dos heroes da época. En París erixíronse as columnas Vendôme (1810) en lembranza das vitorias napoleónicas; a de Xullo, situada na praza da República, que conmemoraba a revolución de xullo de 1830, feita en bronce, co fuste liso e coroada por unha estatua alegórica da liberdade; ao igual ca a traxana, a base recollía as cinzas dos caídos durante os sucesos revolucionarios. En Inglaterra construíronse a columna de Nelson en Trafalgar Square, na que destaca a estatua que a coroa, o Monument (1671) de Christopher Wren, que recorda o incendio da cidade de 1667, e a columna de York (1833) en Waterloo Square. En San Petersburgo destaca a columna levantada en honor de Alexandre I, mentres que en España destacan as columnas dedicadas a Colón en Madrid e Barcelona.
-
columna con contractura
Columna cilíndrica ata un terzo da súa altura e que despois diminúe o tamaño do seu diámetro.
-
columna corolítica
Columna que ten o fuste decorado con grilandas.
-
columna de balaústres
Columna co fuste en forma de balaústre.
-
columna de esporóns
Columna romana que decoraba o seu fuste con esporóns dunha nave e que simbolizaba unha vitoria naval.
-
columna funicular
Columna co seu fuste decorado con relevos en forma de soga ou con outros motivos decorativos. Foi característica da arte románica.
-
columna illada/exenta
Columna que non está pegada ou adherida a ningunha parte do edificio ou do muro.
-
columna imbuída/de media cana/entregada
Columna pegada que introduce parte do seu fuste no muro, formando parte del. Tamén se denomina semicolumna.
-
columna lisa
Columna que ten o seu fuste liso.
-
columna ofídica
Columna que presenta un fuste dobre que recorda a dous ofidios ou dúas espirais entrelazados.
-
columna pegada
Columna que está adherida ou pegada a un muro ou a un piar.
-
columna protodórica
Columna semellante á da orde dórica pero que presenta un sistema de proporcionalidade máis ordinario. Erroneamente, as columnas e piares exipcios que teñen estrías reciben tamén este nome.
-
columna salomónica/helicoidal
Columna co fuste de forma helicoidal.
-
columna xeminada/emparellada
Columna que está formada por dous fustes paralelos.
-
columnas angulares
Columnas situadas nos ángulos dun edificio ou nos extremos dunha columnata.
-
s
f
-
s
f
Feixe de cousas colocadas unhas enriba das outras.
Ex: Sobre o escritorio ten unha columna de papeis e revistas.
-
s
f
Aquilo que soporta ou sustenta calquera cousa.
Ex: O seu soldo é a columna económica familiar.
Sinónimos: soporte. -
s
f
[ANAT]
Formación constitutiva do endoesqueleto dos vertebrados, que substitúe en maior ou menor grao o notocorda, de composición cartilaxinosa ou ósea e formado por unhas pezas separadas chamadas vértebras. Estas varían moito segundo os diferentes tipos de animais e segundo as diferentes rexións da columna vertebral dun mesmo animal. Na rexión caudal de moitos deles, cada vértebra está formada por un arco hemal ao redor dos vasos sanguíneos da rexión. Este arco modifícase en forma de apófise nas outras rexións do corpo. Na columna vertebral dos peixes só se diferencian vértebras do tronco e da cola, mentres que noutros vertebrados se diferencian vértebras cervicais ou do pescozo, torácicas ou do tórax, lumbares, sacras e caudais. O número de vértebras varía dunha especie a outra; o máximo corresponde á serpe pitón que ten 435 vértebras. A columna vertebral humana está formada por 7 vértebras cervicais, 12 dorsais, 5 lumbares e o conxunto sacro-cóccix. Articúlase co occipital a través da primeira vértebra cervical, chamada atlas, que xunto coa segunda, chamada axe, son as únicas con nome propio. Está situada no plano medio e dorsal e constitúe o eixe de sostemento do tronco. Tamén se denomina columna vertebral.
Sinónimos: aranguelo, carrelo, carriñouzo, cernizo, cerrizo, espiñazo, arelo. -
[BÉL]
-
s
f
Conxunto de tropas que desfilan con pouca fronte e moito fondo.
-
columna mixta
Agrupación de tropas constituídas por unidades de diversas armas e corpos.
-
quinta columna
Grupo de individuos encargados de cumprir un traballo político e militar no mesmo territorio do inimigo. O termo foi cuñado polo xeneral Mola no transcurso da Guerra Civil española (1936) para designar os partidarios do goberno de Burgos que vivían no campo republicano e que sumaban unha máis ás columnas que avanzaban sobre Madrid dende os catro puntos cardinais.
-
s
f
-
s
f
[BIOL]
Estrutura anatómica en forma de piar ou de columna.
-
s
f
[GRÁF]
Cada unha das partes dun texto, dun manuscrito, dun impreso, dun libro ou xornal, dispostas verticalmente pero separadas por un espazo en branco. Considérase este tipo de escritura como unha reminiscencia do estilo da escritura dos papiros. Tamén se utilizan columnas nas enciclopedias e dicionarios.
Ex: Non me gustou a columna que aparecía no xornal sobre as folgas.
-
s
f
[INFORM]
Conxunto de elementos dispostos verticalmente ao longo de calquera serie, ordenados en dúas direccións perpendiculares (matrices, táboas, perforacións en cintas, etc).
-
s
f
[QUÍM]
Aparato de forma cilíndrica, de altura maior ca o diámetro, que se utiliza para poñer en contacto, xeralmente a contracorrente, dúas fases (líquido-líquido ou líquido-gas) para que entre eles se produza unha transferencia de materia, de enerxía ou de ambas as dúas. Esta transformación dá lugar a unha separación dos compoñentes da mestura alimentadora en dúas ou máis fraccións, acompañada ás veces dunha transformación química destes compoñentes. O rendemento da operación depende do tempo e da intensidade do contacto entre as fases. Para favorecer ambos os dous factores dáse á columna forma alta e estreita e equípase con dispositivos interiores para garantir o contacto entre as fases. A natureza destes dispositivos clasifica as columnas en: columnas de pratos con casquetes de gurgullo, onde os casquetes obrigan á fase ascendente a burbullar no interior da fase descendente; de placas perforadas, onde a fase ascendente fai pasar polos orificios dun diámetro máis pequeno (de 4 a 12 mm) a capa líquida depositada sobre a placa; de recheo, que proporciona a superficie de soporte onde terá lugar o contacto; e baleiras con pulverizadores de líquido, onde a fase líquida se introduce pola cabeza da columna e pulverízase en gotas moi pequenas, que se atoparán coa fase gasosa ascendente. As condicións de traballo das columnas, en relación coa temperatura e a presión, son moi diversas e dependen da operación que se efectúa. Nas industrias químicas e petroleoquímicas, utilízanse principalmente nas operacións de destilación, fraccionamento, absorción de gases e extracción ou refinamento de petróleo.
-
s
f
[XEOL]
Concreción calcaria no interior dunha caverna que resulta da unión dunha estalactita cunha estalagmita.
-
s
f
[FÍS]
Masa ou sección dalgún fluído que se crea en forma de cilindro.
-
s
f
[HERÁLD]
Elemento que, nos escudos heráldicos, se representa de forma cilíndrica, composta de base, fuste e capitel.
-
columna da roda do temón
[MAR]
Cada un dos dous puntais onde se apoia o eixe da roda do temón.
-
columna do bauprés
[MAR]
Cada unha das dúas pezas de madeira, situadas a ambos os dous lados da contrarroda dos veleiros.
-
columna do molinete
[MAR]
Cada unha das dúas pezas verticais que serven de soporte aos antigos molinetes de madeira.
-
columna xeolóxica/estratigráfica
[XEOL]
Representación gráfica vertical que mostra a orde de sucesión e as relacións das formacións estratigráficas dunha rexión. Debúxanse a escala e achegan información sobre os diferentes estratos de forma ordenada, indicando a súa idade, as características litolóxicas, o grosor e os fósiles.