comarca
(< xerm marka ‘país, fronteira’)
-
s
f
[XEOG/ADM]
Territorio dotado dunha serie de similitudes e afinidades que o singularizan, xa sexan as relacións de veciñanza establecidas entre os lugares que o forman, unhas certas condicións naturais ou a persistencia de demarcacións históricas.
Sinónimos: bisbarra.
Desenvolvemento teórico: concreción e definición
Malia a común e abundante utilización do termo, non existe un consenso xeral sobre a súa definición nin carácter. Téndese a equiparar a unha “microrrexión” na que coinciden diversas variables na paisaxe e nas relacións humanas que a dotan de singularidade. Tamén se utiliza como un ámbito funcional de carácter supramunicipal para a prestación dun determinado servicio. É, polo tanto, unha escala territorial intermedia entre as unidades locais de base, parroquias e municipios, e o nivel rexional. En Galicia, teóricos da ordenación territorial propugnaron historicamente, dende diversas posicións ideolóxicas, unha organización territorial en comarcas. Contribúen á tradición comarcal dous elementos: as demarcacións históricas eclesiásticas (arciprestados) ou de dominio civil (señoríos), e a particular división topográfica resolta nunha sucesión de vales e depresións individualizadas. En moitas ocasións ambos os dous fundamentos coinciden con maior ou menor exactitude nun antigo señorío e, á súa vez, nunha unidade de relevo diferenciada, como sucede por exemplo nas comarcas de Monterrei, Lemos ou Deza. A vinculación cos elementos naturais da paisaxe e as formas do relevo identifícase de xeito moi claro na toponimia. Algunhas reciben nome de serras como a do Barbanza, a dos Ancares, etc; de vales ou depresións como O Salnés, O Ribeiro, O Baixo Miño; ou doutras unidades topográficas como a meseta da Terra Chá ou a chaira cantábrica da Mariña. A concreción e definición da comarca vai depender moito da concepción que se teña dos elementos e variables que a configuran e mesmo da escala espacial que se adopte. Acéptanse comunmente tres grandes tipos de comarcas: as individualizadas en razón de similitudes paisaxísticas e naturais existentes; as formadas a raíz das diversas divisións en compartimentos de índole administrativa ou de xestión dos servicios públicos introducidas polas sociedades; e as definidas polas delimitacións da área de influencia dun determinado asentamento humano. En ocasións, estes elementos definitorios poden chegar a coincidir, co que conforman unha comarca compacta desde todos os puntos de vista; pero noutros casos non sucede así e xérase unha superposición de diferentes ámbitos e conceptos comarcais. Por estas razóns pódense presentar diferentes concepcións do que se entende por comarca.
Comarca natural
Defínese por una porción do territorio que posúe uns trazos fisiográficos diferenciados dos do seu contorno próximo, como similitudes climáticas, nas formas do relevo, na vexetación ou na fauna. Conta cuns elementos paisaxísticos comúns e tende a identificarse cunha unidade topográfica: unha depresión, unha chaira, unha aliñación montañosa, etc. Esta concepción do termo comarca é a máis antiga. Xurdiu a principios do s XX nun momento caracterizado pola importancia do determinismo e do naturalismo nas ciencias sociais e naturais. Seguindo esta tendencia, en 1917 Dantín Cereceda elaborou unha primeira proposta de comarcalización de Galicia na que identificou unhas 50 comarcas. Esta proposta posuía varias carencias: non cubría a totalidade do espazo rexional e parcelábao en unidades moi pequenas; sen embargo, é interesante porque recolle numerosos topónimos comarcais que se mantiveron despois. Esta liña de estudo continuouna Otero Pedrayo nos seus primeiros estudios, nos que individualizou diferentes porcións do territorio con termos como “Val de...” ou “Terra de...”, correspondentes a unidades topográficas de certas similitudes segundo as súas variables naturais. Como no caso anterior, a división comarcal de Otero Pedrayo non cubría a totalidade do espacio galego, feito que fai pensar que a tradición comarcal estaba máis enraizada nunhas áreas ca noutras. Así mesmo, na súa obra científica utiliza o termo cunha ampla dose de polivalencia e cambia, tanto a propia concepción do que é unha comarca, como os criterios que a definen, ou mesmo introduce un mesmo espazo dentro de comarcas diferentes.
Comarca xeográfica
A comarca xeográfica presenta con respecto á anterior unha maior riqueza de matices e variables. O termo, proposto pola Escola Rexional francesa, integra nunha síntese unitaria elementos do medio físico relacionados coa acción humana. Xunto ao predominio das descricións ambientais, engade a visión histórica de cómo se desenvolven as sociedades, cómo se adaptan e transforman ao espazo segundo as súas necesidades, co que proporcionan unha uniformidade paisaxística. En suma, pódese definir como aquela área territorial na que se identifican uns trazos naturais e unha utilización por parte do home individualizada que a dotan de certa singularidade e a diferencian das demais. Nesta liña destacan os traballos tanto de Otero Pedrayo, xa nun segundo momento da súa traxectoria investigadora, como os de Antón Fraguas. Este último, na súa Geografía de Galicia (1953) presenta xa unha división de Galicia en máis de 70 comarcas que, á súa vez, se integran dentro dun ámbito subrexional organizado en tres grandes conxuntos: o oriental, o meridional e o occidental. Non se trata aínda dunha proposta comarcal total do territorio, pois aínda deixa baleiros espaciais que non introduce en ningunha comarca, xa que na súa identificación predomina a individualización de espacios moi claros como os vales, as aliñacións montañosas ou a periferia dunha vila. Esta liña de traballo mantense no corpo científico da xeografía galega. Así, nos anos oitenta Torres Luna e o seu equipo do departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela propuxeron unha división total do territorio galego en varios graos xerárquicos en función das similitudes paisaxísticas existentes: individualizaba tres grandes conxuntos subrexionais que, á súa vez, se subdividen en grandes áreas homoxéneas: a Galicia noroccidental (A Mariña, o Golfo Ártabro, as Rías Altas e as Rías Baixas), a centroriental (Meseta de Lugo, a Terra Chá e as Serras Orientais) e a meridional (o Baixo Miño, as depresións do Ribeiro, de Ourense, de Celanova, da Limia e de Verín) e, xa por último, cada unha destas áreas homoxéneas resulta da agrupación de comarcas de carácter xeográfico, nun número próximo ás 50. Seguindo esta tendencia, realizáronse un significativo número de estudios de xeografía rexional e agraria que tomaban a comarca como referencia. Neles pártese dun encadramento xeográfico no que se combinan elementos físicos e humanos para xustificar a unidade comarcal. De xeito case coetáneo, Pérez Alberti identificou nas súas investigacións sobre o medio físico de Galicia macroconxuntos subrexionais que tamén subdividiu en unidades territoriais máis pequenas e homoxéneas que identificaba en función da uniformidade dos seus caracteres paisaxísticos marcados pola interrelación entre o home e o medio natural.
Comarca administrativa
Pode definirse como unha porción do territorio de carácter supramunicipal sobre o que se presta un determinado servicio por parte da Administración pública. Esta concepción de comarca consolídase na década de 1960 debido á maior presenza do Estado na vida cotiá das sociedades e nos distintos procesos de descentralización administrativa levados a cabo polos sucesivos gobernos. Pódese identificar un importante precedente na división en partidos xudiciais efectuada en 1833, que coincide coa reforma da administración territorial elaborada polo ministro Javier de Burgos. Esta experiencia de descentralización dos servicios públicos, supuxo a división en compartimentos do espazo rexional en diferentes áreas supramunicipais, que dependen a nivel xudicial dunha capital na que se localizan os xulgados. Esta división callou con forza xa que se tendeu a escoller como cabeceira de partido, e por extensión de comarca, a pequenos núcleos situados en encrucilladas de estradas da rede viaria interna que, á súa vez, eran lugares de celebración de feiras e mercados periódicos. A coincidencia destas variables xogou un papel determinante para comezar a falar de comarcas desde o punto de vista funcional. Esta división adquiriu tamén repercusión nos ámbitos académicos ao ser tomada como referencia para diferentes estudios, entre os que sobresae pola súa transcendencia a Geografía General del Reino de Galicia, dirixida por Carreras i Candi no primeiro terzo do s XX. Este tipo de comarcas estruturábanse en dous elementos territoriais principais: un centro cabeceira no que se localizan os equipamentos e dotacións vinculados ao servizo (a capital comarcal) e unha área de dependencia de carácter supramunicipal subordinada ao centro anterior para a utilización ou prestación dese servicio. Normalmente, cada servizo presenta una división comarcal individualizada e diferente doutras prestacións públicas. Polo tanto, pódese afirmar que existen tantas comarcalizacións administrativas como servicios públicos. Así, pódese falar de comarcas sanitarias, agrarias, educativas, etc. A non coincidencia territorial das mesmas débese entender en razón dos diferentes criterios e necesidades que cada política sectorial necesita para poñer en funcionamento unha rede dotacional descentralizada. Esa heteroxeneidade dos límites administrativos non debe, en consecuencia, asociarse a unha descoordinación, senón á diversidade das lóxicas que rexen cada servizo público en particular, de xeito que os aspectos puramente xeográficos quedan supeditados aos intereses da planificación para a mellor xestión dos servicios. As comarcas administrativas están fortemente relacionadas coa teoría do Lugar Central e nelas a xerarquía dos núcleos urbanos adquire un papel determinante, xa que nos diferentes graos urbanos se localizan as dotacións públicas seguindo unha orde de maior a menor especialización. Neste sentido son interesantes os traballos de Casas Torres, feitos nos anos setenta de cara ao III Plan de Desarrollo, nos que elaborou unha selección de núcleos cabeceira de comarca que van converterse en asentamentos privilexiados para a fixación das diferentes unidades administrativas descentralizadas e desde as que se pasaba a organizar os territorios non urbanos. Moitos destes núcleos consolidáronse como centros comarcais de primeira magnitude.
Comarca funcional
Moi vinculada coa anterior, enténdese como un espazo de carácter supramunicipal coincidente coa área de influencia das actividades económicas dun determinado núcleo urbano. É a área de dependencia tanto das actividades públicas (comarcas administrativas) como dos servicios privados e do comercio. Os estudios pioneiros nesta liña realizáronos a mediados da década de 1970 os profesores Miralbés Bedera e Casas Torres, que se centraban na distribución espacial, no rango e na área de influencia dos mercados periódicos (feiras) de Galicia. En función dos desprazamentos que sobre o espazo xeraba cada feira, presentouse unha división comarcal. Posteriormente, esta escola xeográfica aplicou os preceptos da teoría do Lugar Central, co que enriquecían as propostas de división comarcal cun maior número de variables de tipo estatístico. Esta perspectiva foi moi difundida, aplicada tanto por diversos autores que elaboraron os seus propios modelos de división comarcal como por outro tipo de estudios de tipo monográfico sobre un determinado núcleo urbano, no que interesaba coñecer a súa área de influencia. Neste sentido dáse unha íntima relación entre as comarcas, entendidas como entes funcionais, e os núcleos cabeceira. Se se ten en conta que as comarcas son un paso intermedio entre os niveis locais (os municipios) e o rexional, establécese unha xerarquía entre as grandes áreas funcionais de carácter subrexional, que se corresponden en Galicia coas áreas dependentes das sete cidades principais, e as áreas nas que estas se subdividen que son, precisamente, as comarcas de tipo funcional articuladas ao redor dos núcleos cabeceira. Durante os últimos anos do s XX, esta perspectiva de análise reforzou a súa presenza nos ámbitos académicos debido á potenciación que experimentou a oferta comercial das vilas e ás políticas de descentralización de determinados equipamentos públicos; ambas as dúas circunstancias supoñen un incremento da súa capacidade de atracción. Tamén adquiriu importancia esta tendencia en razón do crecente interese por parte dos científicos sociais de presentar novos modelos de estruturación territorial fundamentados nas unidades comarcais. A aplicación desta liña derivou no que se coñeceu como comarcalización de servicios. Neste sentido, Mella Márquez, nos anos oitenta, definiu a comarca como un espazo delimitado pola zona de influencia dunha aglomeración urbana que, como centro de área, concentra as actividades fundamentais para a vida ordinaria do mesmo. É unha visión de corte funcionalista, centrada non só no coñecemento das áreas de influencia dos núcleos rectores, senón tamén interesada en sentar as bases dunha reorganización administrativa e de áreas de servicios onde a comarca desempeñe un papel fundamental. Esta liña interpretativa defendeuna tamén Precedo Ledo nos seus traballos académicos, teses que posteriormente puido aplicar a través do Plan Comarcal de Galicia, impulsado polo goberno autónomo na década dos noventa.
Comarca histórica
Con motivo do afianzamento do autogoberno autonómico xerouse unha corrente interesada en profundizar nas formas de estruturación territorial previas á división de 1833, apreciada como unha superposición non adaptada á realidade espacial de Galicia. Buscábase defender a idea das comarcas históricas como a forma na que se organizaba o espacio de xeito tradicional. Apareceron diversas propostas que tendían a equiparar as comarcas coas antigas xurisdicións. Nelas constatouse que o feito comarcal estaba perfectamente asentado en determinadas áreas, pero noutras non era así porque non se podía identificar ningún tipo de arraigamento do mesmo. Na produción historiográfica, pódense identificar ao longo do tempo un número moi abundante de xurisdicións, máis de 200 nalgúns momentos determinados, de moi diferentes tamaños e que non gardan moita relación con elementos naturais, posto que só son áreas de dominio e control do territorio. O que si se mantén destas pretendidas comarcas históricas é o nome dalgunhas delas, ao tratarse en moitos casos de topónimos vinculados cun determinado elemento do medio físico ou cunha vila ou liñaxe. A comarca xoga un papel moi destacado na articulación territorial de Galicia, especialmente nos espacios de caracteres máis rurais do interior. Fronte ás áreas litorais de forte impacto do proceso urbanizador, o interior mantén unha estrutura do territorio organizada a partir das vilas. Ao redor destas, xéranse unha serie de subsistemas de asentamentos humanos que dependen funcionalmente do núcleo central, que vén coincidir coa área de influencia das actividades económicas de cada cabeceira. Xunto a esta división primaria do interior rural galego, organizativamente, compleméntase a rede urbana de Galicia con outras cidades medias onde se localizan determinadas funcións de ámbito supracomarcal: sedes provinciais de diversos servicios, administración provincial, etc. Nas vilas rectoras de cada comarca sitúase un grao funcional que cobre gran parte das demandas da poboación do seu contorno que, agás para determinadas funcións moi específicas, non necesita desprazarse ás cidades maiores. Por este motivo afírmase que a comarca, desde o punto de vista da organización do territorio, é unha realidade espacial máis propia das sociedades e de espacios rurais que dos urbanos, onde os conceptos núcleo rector-área de influencia adquiren unha dimensión diferente, polo que se teñen que utilizar outros conceptos como os de áreas metropolitanas ou rexións urbanas. Quedan así configuradas as comarcas en razón de tres elementos fundamentais: un territorio, un efectivo poboacional e un núcleo de poboación que desempeña o papel de centro comarcal. Resulta evidente a asociación existente entre as vilas e as comarcas, de xeito que, para o interior rural de Galicia, falar de subsistemas de asentamentos comarcais é sinónimo de falar de subsistemas de vilas. Cada núcleo basea a súa entidade de centro organizador da vida comarcal nos seguintes puntos: en primeiro lugar a concentración de actividades terciarias (xustiza, ensino medio, sanidade, ocio, banca, comercio, etc) favorece a xestación dunha área de gravitación directa para o consumo de ditos servicios; en segundo lugar, prodúcense múltiples desprazamentos internos da poboación de cada comarca que accede ao núcleo, ben para demandar as funcións que este oferta, ben para traballar, se é o caso, nos empregos non agrarios que se ofrecen no núcleo; e, en terceiro lugar, a vila cabeceira serve como porta de contacto da poboación de todo o ámbito comarcal co resto dos elementos do sistema urbano rexional. Así, o feito comarcal ten unha implantación cada vez máis forte na vida cotiá e nas formas de organización social. A este feito axuda a crecente relevancia que a administración autonómica lle confire á comarca como unidade para a planificación territorial e polos múltiples servicios que se prestan a esta escala. Por outra banda, o protagonismo que a comarca adquire nos medios de comunicación (televisións comarcais, edicións de prensa específicas, reportaxes monográficas) e nos ámbitos académicos (estudios feitos a escala comarcal, asignaturas específicas) leva a que esta sexa unha realidade cada vez máis sentida e percibida pola sociedade. -
comarca metropolitana
[XEOG/ADM]
Categoría de comarcas contemplada na Lei de Desenvolvemento Comarcal de Galicia (1996), definida en función dunha gran cidade que experimentou un proceso de crecemento e expansión da urbanización por todo o territorio, que derivou na formación dun continuo urbano. A súa densidade demográfica é elevada e as relacións económicas e funcionais no seu interior moi intensas. A principal finalidade da institución comarcal é a coordinación de actuacións administrativas sobre o territorio metropolitano, fundamentalmente nos aspectos referidos á rede de transportes, os medioambientais e de xestión do solo. Segundo o Mapa Comarcal de Galicia (aprobado en 1997), son metropolitanas as comarcas da Coruña e de Vigo.
-
comarca rural
[XEOG/ADM]
Categoría máis simple de comarcas contemplada na Lei de Desenvolvemento Comarcal de Galicia (1996), caracterizada por unha economía cun gran peso das actividades agropecuarias e cun hábitat maioritariamente rural.
-
comarca rururbana
[XEOG/ADM]
Categoría de comarcas contemplada na Lei de Desenvolvemento Comarcal de Galicia (1996), caracterizada pola superposición do sistema urbano e rural, na que predominan as actividades económicas non agrarias. Ademais, nun plano morfolóxico distínguese por unha elevada intensidade na ocupación do solo e un policentrismo urbano, de xeito que varias vilas ou pequenas cidades integran unha rede de relacións intracomarcais. Segundo o Mapa Comarcal de Galicia (aprobado en 1997), son rururbanas as comarcas do Baixo Miño, do Barbanza, de Bergantiños, do Eume, do Morrazo e do Salnés.
-
comarca urbana
[XEOG/ADM]
Categoría de comarcas contemplada na Lei de Desenvolvemento Comarcal de Galicia (1996), definida como aquela que se desenvolve ao redor dunha gran cidade pero na que a intensidade da urbanización non permite falar de aglomeración metropolitana. Segundo o Mapa Comarcal de Galicia (aprobado en 1997), son urbanas as comarcas da Ferrolterra, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela.