Comité Central Rexionalista
Institución constituída en Santiago de Compostela en novembro de 1890 polos seguidores do rexionalismo. Presidida por Manuel Murguía, tiña como secretario a Manuel Cabeza de León, profesor da facultade de Dereito, e como vocais a Alfredo Brañas, catedrático de Economía política, Xosé Tarrío, Barcia Caballero, Pereiro Romero e Enrique Lens. Entre os seus obxectivos figuraban o establecemento de vínculos entre as vilas galegas sen por iso crebar a unidade de España, conseguir que os representantes en Cortes por Galicia fosen galegos, acabar co caciquismo, fomentar as artes e as industrias galegas, solicitar unha rebaixa de impostos ao goberno de acordo coa situación dos labregos galegos e levar a cabo todo tipo de iniciativas para acadar o progreso material, moral e intelectual de Galicia. Foi realmente o impulsor, baixo a dobre dirección de Murguía e Brañas, dos comités rexionalistas que se fundaron en todas as cidades e vilas galegas desde 1890. Integraba, ademais, o consello de redacción do voceiro rexionalista La Patria Gallega, publicación quincenal que se iniciou a comezos de 1891 e na que se publicaban as noticias sobre as actividades dos distintos comités e artigos e discursos dos líderes máis carismáticos.