compresor -ra

compresor -ra

(< lat compressōre ‘que comprime’)

  1. adx

    Que serve para comprimir.

  2. s m [TECNOL]

    Máquina destinada a transportar un gas ou un vapor desde un punto, a baixa presión, a outro onde a presión é máis elevada ou para elevar a presión dun gas ou vapor. A relación de compresión é a que hai entre a baixa presión da entrada e a alta presión da saída do compresor. Se a relación de compresión é elevada, hai economía da potencia necesaria polo que se efectúa o proceso en dúas ou máis etapas con arrefriado intermedio. Segundo a forma en que producen a elevación da presión, os compresores clasifícanse en volumétricos, nos que o aumento de presión se consegue a base de pechar nun espazo limitado sucesivos volumes do fluído, e dinámicos, nos que se comunica enerxía cinética ao fluído e se transforma en enerxía de presión no mesmo compresor mediante dispositivos adecuados. Os compresores volumétricos son moi apropiados para conseguir elevadas relacións de compresión con pequenos caudais. Os compresores dinámicos conveñen para grandes caudais con pequenas elevacións de presión. Os compresores volumétricos clasifícanse en alternativos e rotativos. Estes últimos poden ser de engrenaxes, de paletas, de lóbulos, de anel líquido, de caracol, etc. Os compresores alternativos están constituídos por un pistón, ou por máis dun, que se moven alternativamente ao longo de cilindros pechados por un extremo e provistos de válvulas de admisión e de descarga. A válvula de admisión comunica coa parte de baixa presión, mentres que a de descarga o fai coa de alta presión. Para disipar a calor producida, os cilindros arrefríanse por aire ou auga. Conséguese o movemento alternativo transformando o movemento rotativo mediante un sistema de biela-manivela. Os compresores alternativos son os máis estendidos, tanto para compresión do aire coma para a de fluídos e para aplicacións frigoríficas ou químicas. Os compresores rotativos de paletas están constituídos por un motor provisto de paletas móbiles en sentido radial, que xiran excentricamente no interior dun cilindro e coas paletas móbiles sempre en contacto co interior deste. Ao xirar, o espazo entre cada dúas paletas varía a cada revolución dende un volume máximo ata un volume case nulo, e produce, así, a compresión do fluído. Este tipo de compresor non ten válvulas e pode traballar a velocidades máis altas ca o alternativo. Os compresores de anel líquido son semellantes aos de paletas no que respecta ao proceso xeral de compresión, pero diferéncianse en que o rotor ten paletas fixas e o cilindro está parcialmente cheo de auga, que, ao xirar o motor, se centrifuga e forma un anel que realiza a dobre función de peche e de cámara de compresión. Os compresores de caracol constan de dous rotores helicoidais, en hélices de sentido contrario, que encaixan entre eles e se axustan á parte interior da carcasa, co que delimitan un recinto só aberto ao exterior a través das aberturas de alta e baixa presión; ao facer xirar un rotor, este impulsa o outro co seu movemento e empuxa o fluído cara á abertura de alta presión. Os compresores dinámicos son sempre rotativos e clasifícanse en centrífugos, constituídos por un ou máis roletes semellantes aos das bobinas centrífugas que teñen na saída un difusor encargado da transformación da enerxía cinética cedida ao fluído en enerxía de presión; e axiais, nos que o fluxo do fluído segue a dirección do eixe de accionamento do rolete ou roletes e un difusor transforma a enerxía cinética en presión.

  3. s m [MED]

    Instrumento de cirurxía que serve para comprimir unha arteria ou outro órgano.

  4. s m [TECNOL]

    Circuíto electrónico que reduce a dinámica dun sinal co fin de podelo transmitir ou rexistrar nun medio que ten unha dinámica inferior, limitada por un nivel máximo e por un nivel de ruído de fondo.

  5. s m [CONSTR]

    Máquina empregada para comprimir ou revestir as estradas e para compactar solos mediante dous rolos.

  6. s m [MÚS]

    Pedal electrónico que se enchufa a unha guitarra ou baixo eléctrico e concentra o son orixinal dándolle máis corpo.

Palabras veciñas

compresible | compresión | compresivo -va | compresor -ra | comprimible | comprimido -da | comprimir