comuñón

comuñón

(< lat communĭōne ‘participaciónconxunta’)

  1. s f

    Acción de comungar.

  2. [RELIX]
    1. s f

      Recepción do sacramento da Eucaristía. Ten sentido pleno dentro da misa e fóra dela reservouse primeiro aos enfermos (testemuño de Xustino, s II) e aos presos (segundo as actas dos mártires desde o s III). Antigamente, os fieis participaban da Eucaristía co pan e co viño consagrados, práctica que aínda está vixente nas igrexas orientais e que o foi tamén en Occidente ata o s XII. O Concilio de Constanza (1415) prohibiu aos leigos comungar coas dúas especies. A Reforma protestante (luteranos e calvinistas) restableceu o seu uso, feito que provocou unha ríxida reacción do Concilio de Trento. Posteriormente, o Concilio Vaticano II restaurou o costume primitivo.

    2. s f

      Parte da misa na que participan no sacramento da Eucaristía o presbítero e os leigos.

      Ex: Achegouse ó altar no momento da comuñón.

    3. canto de comuñón

      Canto propio do momento da comuñón na Eucaristía.

    4. comuñón dos santos

      Expresión formulada no Símbolo dos Apóstolos, que tamén se podería traducir por comuñón nas cousas santas, feito que subliña o sentido universal da participación na vida de Deus de todos os membros da Igrexa.

    5. comuñón espiritual

      Práctica piadosa consistente nun acto interior de fe e de pregaria eucarística que se fai en lugar da comuñón, cando non se pode recibir o sacramento.

    6. comuñón pascual

      Precepto imposto a todos os fieis cristiáns no IV Concilio de Letrán (1215), polo que se lles obriga a recibir o sacramento da Eucaristía cando menos unha vez ao ano e en caso de padeceren unha doenza grave.

    7. primeira comuñón

      Recepción da Eucaristía por primeira vez na vida. Adoita revestirse dunha certa solemnidade ata o punto de converterse nun acto social. As igrexas de Oriente conservan o costume de dar a comuñón, mesmo aos nenos, no momento do bautismo.

  3. s f
    1. Participación nas cousas non materiais que son comúns.

      Ex: A comuñón das ideas pacifistas conseguiu a desmilitarización da zona.

    2. [RELIX]

      Comunidade que tende á máxima participación dos seus membros. O sentido orixinario, máis que participación no sacramento da Eucaristía, indica o conxunto de formas de participación nas realidades propias da comunidade cristiá ou comuñón eclesial que, sen embargo, ten neste sacramento o seu signo máis evidente. A Igrexa cristiá definiuse en seguida como a comuñón dos santos, subliñando que, a través da participación na vida de Deus, o conxunto das persoas que se vinculan á Igrexa xorden, tanto no tempo coma no espacio, dos seus termos visibles e societarios, pois dalgunha maneira son tamén membros os que rodeaban a Deus antes de Cristo, os adeptos ás relixións non cristiás e mesmo algúns ateos. Agora ben, a manifestación da comunidade eclesial actual foi dende sempre a comunidade que celebra a Eucaristía. Por iso, unicamente quen é membro visible da Igrexa ten o dereito estricto a participar nela: a excomuñón comporta a privación do acceso á comuñón eucarística como signo da falta de comuñón con Deus por medio da Igrexa.

  4. s f

    Grupo de persoas con ideas afíns.

    Ex: A revista estaba editada pola comuñón socialista.

Formas incorrectas

comunión