concordato
(
Acordo bilateral entre a Santa Sé e un estado, que ten como finalidade a regulamentación das actividades eclesiásticas que se desenvolven no territorio estatal e a resolución dos conflitos que xurdan eventualmente entre a potestade eclesiástica e a civil. Ten a natureza xurídica de tratado internacional e considérase como fonte do dereito. Na Idade Media recibían o nome de concordato toda clase de convencións entre os bispos e os poderes laicos ou os mosteiros; o novo significado adoptouse no Concilio de Constanza (1414-1418). Poden ser pontificios ou episcopais segundo sexa o papa ou un bispo o asinante do acordo. A súa validez pode ser temporal ou perpetua. Tratan asuntos de carácter económico ou referentes ás actividades propias da Igrexa aínda que, en xeral, os acordos acadados se refiren a cuestións de carácter mixto como o ensino, a lexislación matrimonial ou os delitos que atinxen aos ámbitos civil e eclesiástico. Os concordatos poden asinarse tanto para afianzar unhas relacións existentes como para retomar ou emprender unhas novas. Entre as situacións que poden levar á súa disolución están o mutuo acordo entre as partes, os dereitos de anulación que poden ter os asinantes, a violación dos acordos asinados, a prescrición dos mesmos e a desaparición do estado asinante. Os primeiros concordatos asináronse trala emancipación da Igrexa da tutela temporal. Entre eles destaca o Concordato de Worms, asinado en 1122 entre o Papa Calisto II e o Emperador Enrique V. En Francia, as liberdades obtidas polo clero coa Pragmática de Bourgues (1438) abolíronse polo concordato de 1516, establecido por León X e Francisco I, que regulou as relacións entre a Igrexa e a monarquía francesa e que lle permitiu ao monarca o nomeamento dos cargos eclesiásticos. Estivo en vigor ata a Revolución e foi abolido pola asemblea constituínte. En 1801, Napoleón asinou un novo concordato co Papa Pío VII que puxo fin ao conflito motivado pola constitución civil do clero. A relixión católica recoñeceuse como a da maioría dos franceses pero non como a do Estado, os bispos dimitiron e o nomeamento dos novos recaeu no xefe do Estado mentres o papa realizaba só a investidura eclesiástica. Ademais, a Igrexa non reclamou os bens nacionalizados durante a Revolución a cambio dunha retribución estatal. Trala Primeira Guerra Mundial, a Santa Sé concluíu un gran número de concordatos entre os que destacan os de Letonia, Baviera, Checoslovaquia e Portugal. En 1929, Pío XI e Mussolini asinaron os pactos de Letrán. O mesmo papa concluíu en 1933 un concordato con Hitler que supuxo o primeiro recoñecemento internacional do seu réxime e polo que a Igrexa católica obtivo algúns privilexios, sobre todo no ensino. Tralo Concilio Vaticano II (1962-1965), a Santa Sé adoptou o réxime de dereito común dos estados. Os primeiros regulamentos entre o papado e os soberanos dos reinos da Península Ibérica foron os concilios de Toledo. O primeiro concordato do Reino de Aragón asinouno en Barcelona a Raíña Leonor de Aragón co legado de Gregorio XI (1372). No Reino de Castela, o primeiro concordato foi o de Constanza (1418), asinado por Xoán II e o Papa Martiño V; estivo en vigor ata 1421 e, entre as resolucións adoptadas, destaca o dereito do monarca a dirixir as eleccións dos cabidos. En 1640, Filipe IV e Urbano VIII asinaron a Concordia de Fachenetti (1640) que limitaba as atribucións dos nuncios. O concordato de 1737 entre Filipe V e Clemente XII, reanudou as relacións entre a Igrexa e o Estado, rotas tralo apoio do Papa Clemente XI ao arquiduque Carlos de Austria durante a Guerra de Sucesión (1701-1714); sen embargo, as relacións Igrexa-Estado continuaron a ser tensas, e asuntos como o do real padroado foron constantemente revisados. En 1753 asinouse un novo concordato entre Fernando VI e Benedicto XIV polo que o monarca obtivo o dereito de nomear e presentar os bispos e arcebispos; a súa vixencia suspendeuse en 1833 trala ruptura de relacións entre a rexente María Cristina e o papado que, ao existir dous pretendentes á coroa, non recoñecía o dereito de padroado. En 1851, Isabel II e Pío IX asinaron un novo concordato polo que se recoñecía o dereito de padroado e o privilexio de presentación para o nomeamento de bispos; por outra banda, a Igrexa obtivo o dereito de adquirir novos bens como contrapartida aos vendidos na desamortización. O acordo ampliouse con outras leis e estivo en vigor ata 1931. O último concordato asinado entre España e a Santa Sé foi o establecido entre Pío XII e o xeneral Franco en 1953. A súa orixe está en acordos anteriores, como o de 1941 que regulaba o privilexio de presentación de bispos e arcebispos. A Igrexa obtivo, entre outros, o recoñecemento da oficialidade da relixión católica, apóstolica e romana e o seu ensino como obrigatorio, o establecemento dun foro eclesiástico, o compromiso de contribuír aos gastos das novas dioceses, a asistencia relixiosa ás forzas armadas, a presenza da xerarquía eclesiástica nas Cortes, no Consello de Rexencia e no Consello do Reino, e beneficios fiscais para a Igrexa e para os seus benfeitores. O Estado obtivo ademais do dereito de presentación de bispos e arcebispos, o de nomeamento de capeláns castrenses e penitenciarios. O concordato supuxo un impulso para o chamado nacionalcatolicismo, ao obter o Estado o apoio do clero e a submisión da xerarquía eclesiástica. Cuestionado polo Concilio Vaticano II, mantívose en vigor durante o réxime de Franco. En 1976, o Rei Xoán Carlos I renunciou ao dereito de nomear bispos e a Igrexa renunciou ao foro eclesiástico. A Constitución de 1978 estableceu a liberdade relixiosa e a non confesionalidade do Estado español, e en 1979 aboliuse o concordato que se substituíu por acordos en materias concretas.