Cóndor, lexión
Forza aérea alemá que loitou a prol do xeneral Franco na Guerra Civil española (1936-1939). Antes da súa constitución oficial en novembro de 1936, a aviación alemá prestoulle axuda ao goberno de Burgos para transportar as tropas de Franco desde África ata Andalucía, entre agosto e outubro de 1936. En novembro aumentaron os efectivos alemáns e constituíuse a lexión Cóndor baixo o mando do xeneral H. von Sperrle. Despois dirixírona H. Volkmann (1937) e W. von Richthofen (1938-1939). Formárona catro escuadrillas de bombardeo, catro de caza, unha de hidroavións de recoñecemento, baterías antiaéreas e uns 6.500 homes, voluntarios a maior parte deles e que foron relevados con frecuencia, pois o mando alemán concibiuna máis como un campo de experimentacións que como unha axuda aos combatentes. Participou nas accións máis determinantes da contenda e nas campañas de bombardeo na fronte do Norte, como en Durango ou Gernika, á parte de Brunete, Belchite, Teruel e a Batalla do Ebro.