Consejo Nacional del Movimiento
Consejo Nacional del Movimiento
Órgano político que durante o franquismo asumiu a representación colexiada do Movimiento. Institucionalizado polo Decreto do 31 de xullo de 1939 e, denominado inicialmente Consejo Nacional de FET y de las JONS, o seu nome e as súas funcións definitivas apareceron na Lei de Principios del Movimiento Nacional (1958). Entre as súas funcións estaban as de trazar as liñas fundamentais da estrutura do Estado e do Movimiento, e responder as grandes cuestións nacionais e internacionais que lle formulase o xefe do Estado. O xeneral Franco, como xefe nacional do Movimiento, convocábao e presidíao.