Consejo Superior de Investigaciones Científicas
Organismo autónomo, dependente do ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, creado en 1939 como nova fórmula organizativa para as institucións científicas preexistentes para funcións similares. Ten a finalidade de fomentar, orientar e coordinar a investigación científica en España e finánciase fundamentalmente por medio de orzamentos xerais do Estado. Desenvolve actividades de investigación a distintos niveis (dende os básicos ata os tecnolóxicos) e ten centros de investigación en todas as comunidades autónomas do Estado. Adopta como logotipo a árbore da ciencia. Os seus obxectivos e funcións son elaborar e executar proxectos de investigación científica e tecnolóxica; analizar e seleccionar os obxectivos científicos e tecnolóxicos das investigacións futuras; asesorar as distintas administracións do Estado no relativo á investigación e innovación tecnolóxica; fomentar o avance da investigación básica; colaborar coas universidades en actividades de investigación e ensino superior; e desenvolver programas de formación de investigadores e técnicos no ámbito da ciencia e da tecnoloxía. Conta con dependencias e unidades que ofrecen infraestrutura para favorecer o desenvolvemento da actividade científica e social, con centros de información e documentación científica que, ademais de elaborar bases de datos, avalían o volume da produción científica e normalizan a terminoloxía científica. En Galicia está representado en Santiago de Compostela polo Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento e polo Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia; en Vigo, polo Instituto de Investigacións Mariñas; e en Salcedo, pola Misión Biolóxica de Galicia.