conselleiro -ra

conselleiro -ra

(

  1. s

    Persoa que dá consello. Na tradición oral recóllense ditos como: “O bo conselleiro aconséllase consigo primeiro. O mellor conselleiro é a almofada, que dá sempre o consello e nunca cobra nada”.

    Ex: Os conselleiros reais planifican os actos sociais dos reis.

  2. s

    Membro dun consello.

    Ex: Chamaron os conselleiros dos bancos para unha reunión.

  3. [DER]
    1. s

      Membro dos órganos superiores de goberno e administración das comunidades autónomas. En Galicia, desempeña unha dobre función: como membro do consello da Xunta de Galicia, que responde solidariamente ante o Parlamento, e como xefe superior dos departamentos ou consellerías nos que se divide a Administración autonómica. Os conselleiros son nomeados e cesados polo presidente da Xunta de Galicia. Entre outras atribucións levan a iniciativa normativa no tocante aos anteproxectos de lei e aos proxectos de decreto en materias propias do seu departamento, en particular os anteproxectos de orzamentos da súa consellería; e funcións administrativas, entre as que destacan a iniciativa e dirección en todos os asuntos e materias relativas ao seu departamento, a proposta, nomeamento e cesamento do persoal, a dirección e inspección dos servicios da consellería, a sinatura dos contratos, convenios e acordos, a disposición dos gastos do departamento, a resolución de recursos administrativos nos casos que legalmente lle corresponda e a resolución dos conflitos de atribucións entre órganos dependentes da súa consellería. Tamén poden designar e cesar libremente o persoal colaborador e de asistencia directa, dentro dos créditos orzamentarios consignados ao efecto. Este persoal de carácter eventual deixará de desempeñar automaticamente o seu cargo ao producirse o cesamento do conselleiro que efectuou o seu nomeamento.

    2. conselleiro delegado

      Órgano unipersoal dunha sociedade anónima que conta cun consello de administración que lle delega algunhas das súas facultades con carácter permanente, agás as que resulten indelegables por lei.