consistorio

consistorio

(< lat consistoriu ‘lugar dexuntanza’)

  1. s m [HIST]

    Consello e tribunal privado dos emperadores romanos, coñecido tamén como consistorium ou consilium principis. Reuníase para asesorar o gobernante en materia lexislativa e administrativa. No goberno do Emperador Adriano sufriu algunhas modificacións, recibiu atribucións xudiciais e fixouse unha organización estable. O Emperador Diocleciano cambiou a súa organización, presidida dende aquela polo vicarius a consiliis sacris e composto polo cuestor do palacio, o xefe do servicio, os ministros de finanzas e os comites. Despois desta reorganización recibiu o nome de sacrum consilium.

  2. s m [RELIX]

    Consello solemne de cardeais e outros dignatarios pontificios presididos polo papa. A medida que as congregacións de cardeais se ían transformando nas actuais congregacións da curia, converteuse nunha cerimonia formularia na que se proclamaba o nomeamento de bispos, arcebispos e cardeais, e se decidía oficialmente as canonizacións.

  3. s m
    1. Conxunto dos edís dun concello. Tamén se denomina corporación municipal.

      Ex: Acudiron á manifestación todos os membros do consistorio.

    2. Edificio público onde se reúne a corporación municipal e que serve de sede principal dos seus órganos administrativos. Tamén se denomina casa do concello.

      Ex: As obras de reforma do consistorio levan dous meses paradas.

Palabras veciñas

consistente | consistir | consistorial | consistorio | Conso | Conso | Conso, pazo de