Constitución de 1837
Constitución española asinada pola raíña rexente María Cristina, no nome de Isabel II, o 17 de xuño de 1837 e promulgada ao día seguinte. Estivo en vigor ata o 23 de maio de 1845, cando se estableceu unha nova, malia que se decretaron algunhas leis orgánicas (1839-1840) que a desvirtuaron. Consolidou o réxime constitucional en España. Promulgouse tralo Motín de La Granja do 12 de agosto de 1836, que buscaba a restauración da Constitución de Cádiz (1812). As Cortes constituíntes de 1836 pretendían reformar a norma de 1812 pero fixeron unha Constitución diferente que naceu do acordo entre os liberais moderados e os progresistas. A comisión encargada da súa redacción presidiuna Agustín Argüelles e Salustiano Olózaga foi o seu principal promotor. Inspirouse nas normas constitucionais de Bélxica e Francia, e consta de 77 artigos. Mantivo a proclamación da soberanía nacional, aínda que foron as Cortes, no uso da súa soberanía nacional, quen aprobou o texto. No título primeiro recoñecéronse os dereitos individuais, en maior número que na de Cádiz e con especial énfase á liberdade de imprenta. A confesionalidade do Estado non estaba expresa, aínda que a nación tiña a obriga de manter o culto e os ministros católicos. Recoñeceu a división de poderes dun xeito máis moderado que en 1812 e reforzouse o poder lexislativo. O monarca compartía coas Cortes a iniciativa lexislativa, tiña o dereito de veto absoluto, podía disolver as Cortes e convocar eleccións aos tres meses, e elixir e separar os ministros. O consello de ministros estableceuse como órgano colexiado e coas potestades lexislativas propias do mesmo. As Cortes eran bicamerais: o Congreso de los Diputados elixíase por sufraxio directo e censatario baseado nos criterios de propiedade e capacidade; os membros do Senado elixíanse por medio dun sistema mixto, o rei nomeaba os senadores entre unha terna proposta polos electores de cada provincia. As cámaras tiñan regulamentos propios e reuníanse por separado en sesións públicas; sen embargo, a supremacía recaeu no Congreso, pois aprobaba os orzamentos e as leis referidas ás contribucións e ao crédito público. Por primeira vez, unha constitución denominou o poder xudicial con este nome; os seus principios rectores foron a exclusividade, a inmobilidade, a publicidade e a responsabilidade; a súa organización e as súas facultades indicaríanas as leis posteriores; e configuráronse os xuízos por xurados. Estableceu tamén que os concellos e deputacións tivesen carácter electivo e restableceu a Milicia Nacional.