Constitución de 1869
Constitución española promulgada despois da Revolución de Setembro do 1868 que derrocaba a Isabel II. Estivo en vigor durante o Sexenio Revolucionario (1868-1874), pois durante a Primeira República (1873-1874) non se procedeu á súa formal derrogación. As Cortes constituíntes, onde progresistas e unionistas se pronunciaron a favor da monarquía, nomearon unha comisión de quince deputados que presentaron un anteproxecto, aprobado o 1 de xuño e promulgado polo goberno provisional o día 6. Inspirouse nas constitucións de EE UU, no eido dos dereitos, e de Francia, no eido da coroa, e contiña 31 artigos. Recollía os principios democráticos do sufraxio universal (masculino) e recoñecía a soberanía nacional, que prevalecía sobre a forma de goberno escollida (a monarquía parlamentaria). A ampla declaración de dereitos abranguía, ademais dos xa consagrados noutros textos, outros descoñecidos polo constitucionalismo español como a inviolabilidade da correspondencia, a liberdade de traballo para os estranxeiros e os dereitos de asociación e reunión. Estableceu tamén os mecanismos necesarios para impedir a súa supresión ou violación, pois se consideraban inalienables, e só a necesidade de preservar a seguridade do Estado podía obrigar á súa suspensión mediante unha lei específica. Estableceu a liberdade de culto e a separación de Igrexa e Estado, aínda que este tiña a obriga de manter economicamente o culto e os ministros católicos. O poder lexislativo correspondeu ás Cortes: o Congreso de los Diputados elixíase por sufraxio universal e directo; por cada 40.000 h correspondía un deputado. O Senado escollíase por sufraxio universal e indirecto, pero os candidatos a senador debían ser maiores de 40 anos, ter desempeñado funcións públicas importantes, posuír unha titulación superior ou ser un gran propietario agrario ou industrial. O poder executivo residía no rei a través da fórmula “mediante os seus ministros”. Os ministros tiñan que pertencer ás cámaras, que exercían o control sobre as actividades dos mesmos, e eran responsables ante estas. A independencia do poder xudicial afirmouse mediante o establecemento do sistema de oposición para o acceso á carreira xudicial e coa creación do Consello de Estado como órgano onde solucionar os conflitos. O texto implantou o servizo militar obrigatorio e situou os concellos e as deputacións baixo o control do rei e das Cortes.