Constitución de 1876
Constitución española promulgada polo Rei Afonso XII o 30 de xuño de 1876. Completada mediante leis especiais, foi suspendida, pero non derrogada, a raíz do golpe de estado do 13 de setembro de 1923, aínda que entrou de novo en vigor en xaneiro de 1930, despois da caída de Primo de Rivera, e perdurou ata a proclamación da Segunda República, o 14 de abril de 1931. En maio de 1875, Cánovas del Castillo reuniu no Senado os ex-parlamentarios para establecer as bases do novo réxime político xurdido tralo pronunciamento de Sagunto do 29 de decembro de 1874. Formouse unha comisión que se encargou de elaborar, baixo a directa supervisión de Cánovas, o novo texto constitucional, logo de rexeitar o regreso ás constitucións de 1845 e de 1869. Convocáronse Cortes Constituíntes, e o Congreso de los Diputados e o Senado aprobaron o texto. A soberanía compartíase entre as Cortes e o rei. A declaración de dereitos era semellante á de 1869, pero restrinxía algún deles e remitía o seu regulamento a futuras leis; ademais, estes dereitos podían ser suspendidos en circunstancias especiais. Estableceu a oficialidade da relixión católica pero tamén recoñeceu a liberdade de culto. O papel do rei foi preeminente: tiña o poder executivo; compartía coas cámaras a iniciativa lexislativa; posuía o dereito de veto e de disolución das Cortes; nomeaba e separaba os ministros; exercía o mando do exército e da armada; a súa personalidade era inviolable; e a responsabilidade política dos seus actos correspondía aos ministros a través do referendo. Mantivo o sistema bicameral: os membros do Congreso de los Diputados elixíanse por 5 anos en razón de 1 deputado cada 50.000 h por medio do sufraxio censatario; os membros do Senado tiñan distinta procedencia, 180 eran senadores por dereito propio, como os infantes e os grandes de España, ou por designación rexia, e outros 180 elixíanos as corporacións do Estado e os maiores constribuíntes. O regulamento do poder xudicial remitíase a unha lei posterior.