Constitución de 1856

Constitución de 1856

Constitución española redactada e aprobada polas Cortes en 1856, pero que non se promulgou porque O’Donnell, por mor dos feitos do 14 e do 15 de xullo, disolveu a cámara o 2 de setembro e restableceu a Constitución de 1845. O seu carácter foi semellante á de 1837: promulgaba a soberanía nacional; contiña unha declaración de dereitos moi extensa e incluía o recoñecemento de dereitos políticos como a liberdade de imprenta; garantía a práctica das diferentes crenzas relixiosas, aínda que o Estado tiña que contribuír ao mantemento do culto católico; os senadores e os deputados elixíanse por sufraxio directo e censatario; a iniciativa lexislativa correspondía ás Cortes e ao rei, e ambos os dous tiñan o dereito de veto; creaba o Consello de Estado como órgano consultivo do rei; recollía a independencia de xuíces e tribunais; restituía a Milicia Nacional; e establecía a elección dos concellos e deputacións.