Constitución de 1873

Constitución de 1873

Proxecto de constitución federal da Primeira República española presentada nas Cortes o 17 de xullo de 1873. Non se promulgou debido a que o 3 de xaneiro de 1874 o xeneral Pavía disolveu as Cortes e, tralo pronunciamento de Martínez Campos en Sagunto, proclamouse a restauración da monarquía na persoa de Afonso XIII. A redacción realizouna unha comisión nacida das Cortes constituíntes e dirixida por Castelar. Afirmábase a existencia duns dereitos naturais á vida, á liberdade de pensamento e expresión, de ensino, de reunión, de asociación e de propiedade, que eran anteriores e superiores a calquera lexislación positiva. Recoñeceu a separación entre Igrexa e Estado, e suprimiu a obriga deste de manter o culto e o clero católicos; ademais, impuxo só como válido o rexistro civil de nacementos, falecementos e matrimonios. A República federal declarouse constituída pola unión de 17 estados e das colonias de Cuba e Puerto Rico; todos eles posuían autonomía económica e administrativa, e eran compatibles politicamente coa existencia da nación. Mantiña unha división de poderes, aos que se engadiu un cuarto: o relacional do presidente da República. O poder lexislativo exercíano as Cortes bicamerais: o Congreso elixíase por sufraxio universal e cada estado federal enviaba ao Senado, como cámara de representación territorial, catro senadores. O poder executivo, exercido polos ministros, tiña amplas atribucións, sobre todo referentes ao mantemento da orde pública e ás necesidades de defensa. O presidente da República, elixido polos estados que a formaban, tiña, entre outras funcións, as de nomear o goberno e o xefe do consello de ministros. A lexislatura das cámaras duraba dous anos e o mandato do presidente catro. O poder xudicial caracterizouse pola existencia de xuízos por xurados, pola non influencia do goberno no nomeamento dos cargos xudiciais e pola creación do Tribunal Supremo, integrado por tres maxistrados e encargado de solucionar os conflitos entre os estados e o control da constitucionalidade das leis.