Continental

Continental
[IMAX]

Película dirixida por Xavier Villaverde no ano 1989 para a produtora Xavier Villaverde Asociados e interpretada por Héctor Alterio, Fernando Guillén, Cristina Marcos, Marisa Paredes e Eusebio Poncela, entre outros. É a primeira experiencia cinematográfica en formato profesional do realizador que, en anos anteriores, destacara no cine subestándar e no vídeo de creación, campos nos que acadou numerosos premios. Cun guión do tamén realizador Raúl Veiga, o filme, que sufriu unha longa xénese de dous anos ata o seu resultado definitivo, conta unha historia de enfrontamentos entre dúas bandas, a de Otálora e a de Ventura, dedicadas ao contrabando e á prostitución nunha inconcreta cidade portuaria da costa galega. Trátase dun filme de estudo onde destaca o labor do director artístico Wolfgang Burmann na recreación das rúas estreitas, das salas e das habitacións do prostíbulo, do peirao do porto coas súas mercadorías e outros escenarios cos que consegue simular a atmosfera dos anos cincuenta. Tras esta primeira intervención de Francisco Casal na produción cinematográfica, fundou, xunto con Xavier Villaverde, a produtora Continental. A película presentouse en Vigo en novembro de 1989, no marco institucional de CineGalicia.