converso -sa
(< lat conversu)
-
adx e s
[HIST/RELIX]
Que ou quen se converte dunha relixión a outra. Aplícase especialmente aos musulmáns e, sobre todo, aos xudeus convertidos ao cristianismo durante a Baixa Idade Media. Malia que xa en tempos de Recaredo se establecera a oficialidade do cristianismo, os casos de conversións non foron frecuentes ata finais do s XIV. Durante o s XIII producíronse os debates e as confrontacións entre teólogos cristiáns e xudeus, sen embargo, a intolerancia da sociedade cristiá cara aos xudeus, que se ía estendendo dende Andalucía á Península Ibérica, desembocou en 1391 nunha serie de matanzas de xudeus. Esta violencia provocou un gran número de conversións, aproximadamente cen mil, a desaparición de xuderías e a diminución das grandes alxamas medievais, como a de Toledo, e a migración dos xudeus dende as grandes cidades ao campo; moitos dos xudeus casteláns refuxiáronse en Galicia, onde existía unha maior tolerancia da poboación. A finais do s XV había 300.000 conversos aproximadamente, coñecidos tamén como cristiáns novos, neófitos e xudeus conversos; moitos deles continuaban celebrando en segredo as prácticas da súa relixión e recibiron o nome de marranos. Malia ser unha minoría cultural, tiveron unha gran relevancia social por ocupar, como fixeran os xudeus, altos postos da administración real e eclesiástica. Dedicáronse aos mesmos oficios ca os seus antepasados, entre outros, mercadores, prestamistas, médicos e escribáns; e adoptaron novos nomes e apelidos de advocacións cristiás como Santa María; o nome da súa cidade, como Zamora; e incluso algúns conservaron os seus apelidos primitivos. Non obstante , a animadversión continuou e, moitas veces, baixo a acusación de apostasía escondíase o odio pola súa situación social e económica. A discriminación cristalizouse no establecemento dos estatutos de limpeza de sangue: para acceder aos cargos máis elevados da sociedade había que demostrar que a persoa era un cristián vello, é dicir, que non tiña ascendencia xudía ou musulmana. O Tribunal do Santo Oficio ou da Inquisición encargouse de garantir esta pureza e marcou as familias descendentes de xudeus cun sambenito que representaba a cruz de santo Andrés. A tensión contra os conversos cristalizou nos conflitos que aconteceron en diversas cidades como Toledo (1449) e Sevilla (1465). A ameaza da Inquisición e os primeiros procesos iniciados contra eles provocaron que moitos buscasen refuxio en Granada ou en Portugal, país onde se podían acoller ao edicto de graza promulgado en 1481. Entre 1480 e 1490 sufriron a fase máis intensa da persecución inquisitorial. En 1492, os Reis Católicos obrigaron os xudeus a recibir o bautismo e, polo tanto, a converterse ao cristianismo baixo a ameaza da súa expulsión dos reinos. Os cristiáns empregaban o termo de alboraico para denominar o bautizado por conveniencia ou pola forza, por ser como o cabalo de Mahoma, que non era nin cabalo nin mula; os xudeus denominábanos anuzim, mentres que o convertido á fe católica de xeito sincero se chamaba mesumad. Algúns xudeus abandonaron os reinos hispanos e dirixíronse a Portugal -ata que en 1496 tamén foron obrigados a converterse-, a África e ao norte de Europa. Galicia, onde non se estableceu a Inquisición ata 1574, acolleu conversos procedentes de Castela, mentres a maioría dos xudeus galegos optaron pola conversión, aínda que algúns mantiveron a celebración de prácticas criptoxudaicas. Entre outras vilas, houbo comunidades de conversos en Ribadavia, Salvaterra, Monforte de Lemos e Tui. A Inquisición, establecida en Santiago de Compostela e con xurisdición sobre todo o reino, contou co rexeitamento da Igrexa galega e das propias autoridades civís. Trala anexión do Reino de Portugal (1580), moitos conversos portugueses instaláronse en Castela e acadaron cargos de importancia na corte de Filipe IV. No s XVIII, a represión contra os conversos diminuíu, sobre todo trala reforma da Inquisición por parte de Carlos III. A abolición da Inquisición en 1834 e a supresión dos estatutos de sangue para acceder aos cargos públicos iniciou a fin das discriminacións, sen embargo a poboación conversa xa diminuíra notablemente.
-
s
[HIST/RELIX]
-
Adulto que adoptaba a vida monástica na Alta Idade Media.
-
Monxe que non profesa os votos solemnes nalgunhas ordes ou congregacións relixiosas. Esta figura creárona os cistercienses no s XI; non recibía as ordes sagradas e dedicábase ao traballo manual.
-