convertedor

convertedor

(< converter)

  1. s m [TECNOL]

    Aparello, máquina ou dispositivo eléctrico destinado a transformar unha corrente eléctrica de determinadas características noutra de calidades diferentes. Poden ser rotativos ou estáticos. A miúdo empréganse para converter a corrente alterna en continua ou viceversa. Os primeiros denomínanse rectificadores e os segundos onduladores. Na corrente alterna, os convertedores poden ser para corrente monofásica, trifásica ou polifásica en xeral (por exemplo, hexafásica). Os convertedores de frecuencia son os que transforman a corrente alterna dunha certa frecuencia en corrente alterna doutra frecuencia, e os convertedores de fase son os destinados a transformar un sistema de correntes alternas polifásicas noutro da mesma frecuencia pero de diferente número de fases.

  2. s m [TECNOL]

    Dispositivo destinado a codificar unha información non codificada ou viceversa, ou ben a cambiar unha información codificada noutra de código diferente. Son tipos de convertedores correntes o convertedor analóxico dixital e o convertedor dixital analóxico. O primeiro é un dispositivo que converte un sinal analóxico (continuo) nun sinal dixital (discreto no tempo e cuantificado en amplitude), xeralmente binario. O segundo convertedor é un dispositivo que converte un sinal dixital nun sinal analóxico e xera nos seus terminais de saída unha tensión (ou unha corrente) de tipo continuo proporcional ao sinal dixital presente na entrada.

  3. s m [TECNOL]

    Conxunto formado polo vaporizador e polos reguladores de alta e de baixa presión nos motores de acendido por chispazo, alimentados con gases licuados que ten por finalidade gasificar o combustible, darlle a presión axeitada e mesturalo co aire preciso para a combustión.

  4. s m [IND]

    Nome xenérico dos diferentes aparellos empregados no tratamento do ferro e do cobre en estado líquido, por medio da oxidación dos elementos indesexables, segundo o procedemento de Bessemer, o procedemento LD ou o procedemento Kaldo.

  5. s m [IND]

    Muíño de pequenos cilindros puídos (non estriados), que actúa nas últimas fases de compresión, na elaboración de fariñas de trigo. Ten por misión converter en fariña toda a gama de sémolas grosas e medias purificadas e as semolinas de triturado procedentes dos clasificadores.

  6. convertedor de corrente continua [TECNOL]

    Convertedor empregado para transformar corrente continua. Consta dun transformador e dun ou varios transistores alimentados pola corrente a transformar, conectados de xeito que se produza unha oscilación no primario; este proceso orixina unha fem no secundario que, rectificada mediante un diodo, dá a corrente continua de saída. Para grandes potencias hai circuítos que funcionan con tiristores e traballan en frecuencias da orde dos kHz.

  7. convertedor de enerxía [TECNOL]

    Dispositivo cunha entrada e unha saída que cambia a forma (eléctrica, mecánica) ou as características (tensión/intensidade, velocidade/forza e, polo xeral, variable intensiva/variable extensiva) do fluxo enerxético incidente. Os tipos máis importantes son o transformador, o transdutor e o convertedor de par, entre outros.

  8. convertedor de frecuencia [TECNOL]

    Dispositivo electrónico que forma parte da maioría dos radiorreceptores e que realiza a función de xeración local de oscilacións e as mestura co sinal recollido pola antena, de xeito que se obtén unha frecuencia inferior, denominada intermedia. Esta dobre función constitúe a base dos aparellos heterodinos e superheterodinos.

  9. convertedor de imaxe [TECNOL]

    Tubo electrónico que converte unha radiación non visible (como a infravermella) nunha imaxe visible. Consta dun fotocátodo que, ao someterse a unha radiación non visible, emite un fluxo de electróns que se focalizan por unhas lentes electrónicas e se proxectan sobre unha pantalla fluorescente (ánodo) na que produce unha imaxe visible. Empréganse como intensificadores de imaxe nos sistemas de raios X, para as cámaras fotográficas ou os telescopios infravermellos, para os microscopios, para os visores nocturnos, etc.

  10. convertedor de norma [TECNOL]

    Dispositivo electrónico empregado para transformar un sinal de televisión noutro correspondente a un sistema de norma diferente (número de liñas distinto, sistema de cor distinto, etc).

  11. convertedor de par [TECNOL]

    Dispositivo que transmite o par motor dunha árbore, chamada condutora, a unha segunda árbore, denominada conducida; con el conséguese variar uniformemente a velocidade de xiro desta segunda árbore e evita as variacións discontinuas que aparecen nos cambios de marcha das engrenaxes. O máis empregado é o convertedor hidráulico de par, que consiste nunha bomba de penlas solidaria coa árbore condutora, unha turbina que acciona a árbore conducida e unha coroa fixa con penlas de inclinación variable; todo isto dentro dun cárter cheo de aceite. Ao xirar, a árbore condutora impulsa o aceite, que incide sobre a turbina, de xeito que fai xirar a árbore conducida. A coroa fixa fai de intermediario entre a bomba e a turbina, de maneira que, segundo sexa a inclinación do chorro de aceite, varía o par transmitido á turbina. Empréganse nos cambios de marchas automáticos.

  12. convertedor magnetohidrodinámico [TECNOL]

    Dispositivo que produce unha corrente eléctrica ao facer atravesar un gas ionizado (plasma) por un campo magnético, que fai que os ións de diferente signo se vexan atraídos cara aos polos magnéticos.

  13. convertedor termoeléctrico [TECNOL]

    pila termoeléctrica.

  14. convertedor termoiónico [TECNOL]

    Dispositivo produtor de enerxía eléctrica por quentamento dun condutor. O subministro de calor provoca un fluxo de corrente eléctrica a través dun circuíto externo.

  15. grupo convertedor [TECNOL]

    Conxunto formado por un motor eléctrico asociado mecanicamente a un xerador, destinado a traballar como convertedor de corrente.