cooperación

cooperación

(< latcooperatĭōne)

  1. s f

    Acción e efecto de cooperar.

    Ex: É un asunto complicado, necesito a vosa cooperación.

  2. s f [SOCIOL]

    Colaboración ordenada e orientada á consecución dun fin que xorde da concertación entre os membros dunha colectividade social. Confórmase como a relación existencial básica e necesaria para a vida en sociedade. Os requisitos para a emerxencia dunha relación de cooperación son un sistema de comunicacións, a fixación de obxectivos, a delimitación de normas sociais claramente observadas, a existencia de institucións de control e a seguridade recíproca nas expectativas por parte dos membros da sociedade.

  3. s f [ECOL]

    Relación temporal entre dous organismos da mesma especie (cooperación intraespecífica) ou de distinta especie (cooperación interespecífica), de xeito que os dous saian beneficiados.

  4. s f [EDUC]

    Proceso educativo que supón a participación dos elementos implicados tanto na planificación e programación de actividades como na realización e control das mesmas. Dentro da aula, os alumnos participan activamente na definición dos obxectivos e nos procedementos para logralos coa orientación do profesor. A cooperación supón que se divida o traballo e as funcións dentro do grupo. Entre os sistemas educativos baseados na cooperación cómpre destacar o de Roger Cousinet, promotor do traballo en equipo; a Célestin Freinet, que centra a cooperación ao redor dos traballos de imprenta; a escola de Abbotsholme, fundada en Gran Bretaña por Cecil B. Reddie; e a escola Barbiana, establecida en Italia por Lorenzo Milani. No tocante á cooperación internacional, destacan, entre outros, os seguintes organismos internacionais: Organización das Nacións Unidas para a Educación (UNESCO), o Consello de Europa, a Organización de Cooperación e Desenvolvemento Europeo (OCDE) e a Organización Mundial de Educación Preescolar (OMEP).

  5. cooperación económica internacional [ECON]

    Conxunto de accións tendentes a regular as relacións económicas internacionais entre os estados. Fálase de cooperación económica internacional cando as relacións entre os estados se institucionalizan en forma de organizacións económicas internacionais. Entre os organismos internacionais gobernamentais de carácter económico cómpre destacar: BIRD, FMI, GATT, OCDE, OIT e UNCTAD, mentres que a ONU ofrece un marco de cooperación máis xeral. O estadio máis avanzado de cooperación económica internacional corresponde aos fenómenos de integración económica rexional entre diversos países.