coordenada

coordenada

(< coordenar)

    1. s f

      Cada unha das dúas ou máis magnitudes que determinan a posición dun elemento espacial, como por exemplo un punto ou un plano.

      Ex: Situou o punto coa axuda das coordenadas.

    2. sistema de coordenadas [MAT]

      Nun certo dominio X, conxunto de funcións nas que un punto está determinado polos seus valores, de maneira que, mediante un sistema de coordenadas, cada punto se define por un conxunto de números, que son as coordenadas do punto. No plano, un sistema de coordenadas lineal consta de dous eixes e un punto, chamado orixe de coordenadas, situado na súa intersección. Se os eixes son perpendiculares, as coordenadas son rectangulares ou cartesianas. Se os eixes son oblicuos, as coordenadas son oblicuas. Tamén se define no plano o sistema de coordenadas polares, dado polas funcións radio vector (r), que é a distancia da orixe, e argumento ou ángulo polar (ϑ), que é o ángulo respecto a unha dirección prefixada. Un sistema semellante é o de coordenadas bipolares. De forma análoga considéranse, no espacio tridimensional, sistemas lineais de coordenadas cartesianas e sistemas non lineais, como o de coordenadas cilíndricas e o de coordenadas esféricas. Nun espazo vectorial, a noción de sistema de coordenadas é equivalente á de base dual. Os cambios de coordenadas realízanse mediante as matrices de cambio de base. Sobre superficies no espacio pódense situar puntos mediante as coordenadas curvilíneas. Historicamente, a orixe dos sistemas de coordenadas remóntase á metade do s XVI, cando R. Bombelli representou os números como lonxitudes nunha recta e obtivo, deste xeito, a idea xeométrica dos números reais e un sistema de coordenadas na recta. Descartes introduciu as coordenadas no plano e estableceu unha correspondencia bixectiva entre os puntos do plano e as paralelas de números reais. Este paso foi moi importante porque permitiu o tratamento alxébrico da xeometría, iniciado tamén por Descartes.

  1. coordenadas astronómicas [ASTRON]

    Parámetros que determinan a posición dun astro na esfera celeste. Cómpren dous parámetros angulares para situar sobre esta esfera calquera astro; cada sistema de coordenadas determínase por un eixe fundamental e por un círculo máximo, chamado círculo fundamental, que vén dado pola intersección da esfera celeste cun plano perpendicular ao eixe fundamental. Unha das coordenadas mídese sobre o círculo fundamental, e a outra sobre o círculo máximo, coñecido como auxiliar, que pasa polo astro e polas interseccións da esfera celeste co eixe. Cando os arcos do círculo se miden no sentido contrario ao das agullas dun reloxo, o sentido de medida chámase directo, e retrógrado no caso contrario. Os sistemas de coordenadas celestes pódense clasificar en dous grupos. No primeiro, unha das coordenadas ou as dúas refírense a direccións ou planos que dependen do lugar de observación (sistemas locais). No outro grupo inclúense os sistemas de coordenadas que non teñen ningún elemento local, senón que todos os seus elementos se refiren unicamente á esfera celeste. Ao primeiro grupo pertencen os sistemas de coordenadas horizontais e de coordenadas horarias. No primeiro sistema, o círculo fundamental é a intersección da esfera celeste co plano horizontal do lugar, é dicir, o horizonte, mentres que o eixe fundamental é a vertical do lugar de observación (liña que segue a dirección da chumbada); o círculo auxiliar chámase círculo vertical, e os círculos menores paralelos ao horizonte reciben o nome de círculos horizontais. As coordenadas do astro son a altura h e o acimut a. A distancia angular entre o cénit e un astro recibe o nome de distancia cenital z ou coaltitude. No sistema de coordenadas horarias o círculo fundamental é o ecuador celeste, e o eixe fundamental é o eixe do mundo. Chámanse polo boreal e polo austral os puntos de intersección desta esfera co eixe. O círculo que pasa por un astro e polos polos é o círculo horario do astro; o círculo que pasa por un astro e é paralelo ao ecuador celeste é o círculo paralelo do astro. As coordenadas dun astro neste sistema chámanse ángulo horario H, e a declinación δ. A distancia angular entre o polo e un astro do seu hemisferio recibe o nome de distancia polar P. Ao segundo grupo pertencen os sistemas de coordenadas ecuatoriais, eclípticas e galácticas. No primeiro sistema, chamado tamén uranográfico, o eixe e o plano fundamental son os mesmos que no sistema de coordenadas horarias, e mantén a nomenclatura daquel caso. As coordenadas dun astro neste sistema chámanse ascensión recta α e declinación δ. No sistema de coordenadas eclípticas, o círculo fundamental é a eclíptica, mentres que o eixe fundamental é a recta perpendicular a este plano, que pasa polo centro da esfera celeste; e as coordenadas dun astro reciben os nomes respectivos de lonxitude e latitude celestes. Este sistema é moi útil para estudar a posición dos compoñentes do Sistema Solar, que teñen, a maioría deles, as súas traxectorias aparentes moi próximas á eclíptica. Finalmente, existe un sistema de coordenadas galácticas, no que o círculo fundamental é a intersección da esfera celeste co plano galáctico, ou ecuador galáctico, e o eixe fundamental é a recta perpendicular a este plano que pasa polos polos galácticos; as coordenadas son a lonxitude e a latitude galácticas.

  2. coordenadas xeneralizadas [FÍS]

    Coordenadas, xeralmente non cartesianas, que, en número igual ao de graos de liberdade dun sistema mecánico, se escollen para simplificar a forma das súas ecuacións dinámicas. Definen a configuración do sistema, é dicir, son as coordenadas do espazo de configuración.

  3. coordenadas xeográficas [XEOG]

    Parámetros que determinan a posición dun punto na superficie terrestre, segundo a lonxitude e a latitude. As liñas de referencia son dous círculos máximos: o Ecuador e un meridiano inicial, adoptado por convenio, que xeralmente é o que pasa polo observatorio de Greenwich, en Londres (Meridiano de Greenwich). Ata mediados do s XX foi práctica común que en cada un dos países se empregase un meridiano local (na cartografía española foi o de Madrid). Deste xeito, a lonxitude dun punto P da superficie terrestre, é a distancia angular (medida de 0° a 180°) dun arco paralelo ao Ecuador trazado dende ese punto ata o meridiano de referencia; así mesmo, a latitude é a distancia angular, medida seguindo un arco de meridiano (de 0° a 90°), que hai entre o punto P e o Ecuador. Nos novos sistemas, que teñen en conta o aplanamento da Terra, defínese a latitude como o ángulo entre a vertical á elipsoide terrestre trazada polo punto e o plano do Ecuador, e consérvase a definición de lonxitude. A posición xeográfica dun punto complétase ao especificar a altitude sobre o nivel do mar.

Palabras veciñas

Cooperemos | cooptación | cooptar | coordenada | Coordenadas | coordinable | coordinación