Coordenadas

Coordenadas
[PUBLIC]

Revista bilingüe fundada en 1979 en Santiago de Compostela por Bernardo París, coa colaboración dun grupo de estudiantes universitarios. Subtitulada como “Revista Universitaria de Cultura”, contaba cun consello de redacción formado por Víctor Ferreira, Juan R. Marticorena, Rafael Martínez, Marcelino de Santiago Kukas, A. Manuel Chaves e polo seu propio fundador, que exercía tamén como director. O obxectivo desta publicación é crear unha canle de comunicación en favor da cultura e da ciencia, á parte de fomentar a investigación e o debate no seo da universidade, tomando como referencia a realidade de Galicia. Entre algúns dos seus colaboradores destacan Méndez Ferrín, Paz Andrade, Uxío Novoneyra, Fernández del Riego, Carlos Casares, Miguel Cancio, Carlos Baliñas, Álvaro Cunqueiro, X. M. Beiras e Antonio Odriozola. Á parte da revista, editáronse unha serie de números extraordinarios titulados Poesía galega actual (1981), Cómix e ilustración en Galicia (1982), no que participaron corenta e oito ilustradores e debuxantes galegos, e Ante a nova Universidade (1985). A partir de 1984, o proxecto inicial dos monográficos transformouse na Colección Coordenadas Monografías, que xa saíu con formato de libro.