Coordinación Democrática

Coordinación Democrática

Partido político nado en marzo de 1976 tralo acordo de fusión das dúas forzas principais de esquerdas, a Plataforma Nacional de Convergencia Democrática e a Junta Democrática de España. O seu obxectivo foi constituírse en oposición á continuación do franquismo. A presentación pública do novo partido, que se coñeceu co nome de Platajunta, tiña previsto realizarse en Madrid o 29 de marzo de 1976, pero a conferencia de prensa foi prohibida pola autoridade gobernativa e os principais dirixentes da organización foron detidos. O partido rexeitaba a fórmula reformista que propuñan o presidente Adolfo Suárez e a oposición moderada ao franquismo, e defendía a chamada ruptura democrática, é dicir, o procedemento constituínte que, a través dun goberno provisional e dunhas eleccións xerais, puxese as bases dun novo sistema político. Como paso previo, reclamaba a liberación dos presos políticos e o retorno a España das persoas exiliadas, así como o restablecemento das liberdades políticas e dos dereitos humanos. As confrontacións entre as posicións do goberno e as da oposición remataron por impor fórmulas cada vez máis transaccionais, co que se chegou a unha reforma pactada, favorecida pola legalización paulatina dos partidos políticos polo goberno. En Galicia, a Platajunta deu lugar á formación, en xullo de 1976, da Táboa Democrática de Galicia, que despois se integrou na Plataforma de Organizaciones Democráticas.

Palabras veciñas

Coordenadas | coordinable | coordinación | Coordinación Democrática | coordinado -da | coordinador -ra | Coordinadora Feminista de Vigo