Copa Davis
Torneo internacional masculino de tenis que constitúe a competición deportiva anual por nacións máis antiga do mundo. Fundouna en 1900 Dwight Filley Davis, estudante en Harvard, como desafío dos xogadores de EE UU aos británicos, considerados os mellores do mundo. Davis proporcionou o trofeo que se puxo en xogo, unha grande ensaladeira que encargou expresamente á xoiería bostoniana Shreve, Crump & Low, feita a partir de 217 onzas de prata e que lle custou 750 dólares. A intención de Davis era que a competición se denominase International Lawn Tennis Challenge Trophy (trofeo do desafío internacional de tenis). A United States National Lawn Tennis Association (federación estadounidense de tenis), invitou ao equipo das Illas Británicas a participar no desafío, que xa era coñecido entre os membros do Longwood Cricket Club de Boston como “Dwight’s pot” (o cacharro de Dwight) e adoptou finalmente o nome de Copa Davis. A competición desenvólvese dende entón con enfrontamentos entre equipos nacionais a cinco partidos durante tres días, respectando a fórmula orixanariamente proposta por Davis: na primeira xornada celébranse dous encontros individuais; o segundo día dispútase o partido de dobres e, se é preciso, o terceiro día xóganse outros dous partidos individuais. A primeira edición disputouse no Longwood Cricket Club de Boston en agosto de 1900, e nela os americanos venceron os británicos. En 1902 celebrouse en Nova York a segunda edición, cunha nova vitoria do equipo anfitrión. En 1903, Gran Bretaña anotouse o primeiro triunfo. En 1904 admitíronse na competición os equipos de Francia, Bélxica e Austria, e en 1905 puideron participar representantes de Alemaña e das colonias británicas de Australasia (Australia e Nova Zelanda), Sudáfrica e Canadá. En 1907 un novo país incorporouse á lista dos campións, Australia. España comezou a participar na Copa Davis en 1921. A ampliación do torneo a 13 países en 1923 aconsellou a súa distribución en dous grupos, un europeo e outro americano, aínda que o criterio xeográfico non era estricto (España participou en 1925 nas eliminatorias americanas). Os equipos vencedores en cada unha das zonas enfrontábanse para decidir o finalista que, á súa vez, disputaba o título ao campión da edición anterior. Francia converteuse en 1927 no primeiro país non anglosaxón en gañar a ensaladeira, grazas a unha xeración de tenistas “os mosqueteiros” que acadaron 6 títulos consecutivos. En 1946 dividiuse o grupo europeo en dúas zonas, a occidental e a oriental. En 1967 permitiuse por primeira vez a participación de xogadores profesionais, o que significou unha revitalización da competición e permitiu ampliar o número de países con opcións serias de acadar a vitoria, logro que ata esa data só conseguiran catro equipos; tamén contribuíu a abrir máis posiblidades para a abolición en 1973 do privilexio do campión de clasificarse directamente para a final do ano seguinte. A Iinternational Tennis Federation decidiu crear en 1981 un grupo mundial, integrado por 16 equipos, de xeito que a competición se densenvolvese en oitavos de final, cuartos, semifinais e finais. Os perdedores dos oitavos xogarían unha eliminatoria pola permanencia, trala que os catro derrotados descenderían. EE UU encabeza o palmarés do torneo con 31 triunfos; séguenlle Australia con 27 vitorias, Gran Bretaña con 9 (aínda que o seu último campionato o conseguiu en 1936), Francia con 9, Suecia con 7 e Alemaña con 3. España, liderada por Manolo Santana, acadou por vez primeira a final en 1965, pero foi derrotada polo equipo de Australia. En 1967 repetiuse a final diante dos australianos, que sumaron unha nova vitoria. Na súa terceira final, no ano 2000, tamén fronte a Australia, o equipo integrado por Joan Balcells, Alex Corretja, Albert Costa e Juan Carlos Ferrero, conseguiu o primeiro título da Copa Davis para o tenis español. Italia, Checoslovaquia e Sudáfrica tamén conseguiron cadanseu triunfo.