Copa de Feiras [Copa das Cidades en Feiras]

Copa de Feiras [Copa das Cidades en Feiras]

Competición europea de fútbol. Creouse en 1956 para equipos representativos das cidades que celebrasen feiras internacionais, xa fosen de clubs ou de seleccións locais. As dúas primeiras edicións do campionato duraron máis dun ano: en ambas as ocasións (1956-1958 e 1958-1960) impúxose o FC Barcelona. Dende 1961 tivo periodicidade anual. O Valencia CF sumou dous triunfos (1961-1962 e 1962-1963), o Real Zaragoza un (1963-1964) e o Barcelona completou o palmarés español no torneo co seu terceiro título (1965-1966). A partir da tempada 1968-1969 o acceso á disputa da Copa de Feiras quedou restrinxido aos equipos que se proclamasen subcampións das ligas nacionais. A derradeira edición disputouse na campaña 1970-1971; o seu relevo tomouno a Copa da UEFA. Ao desaparecer o torneo, a UEFA organizou unha gran final para adxudicar o trofeo en propiedade: nela competiron o FC Barcelona, en calidade de primeiro vencedor, e o Leeds United, campión da derradeira edición; esa gran final, disputada en Barcelona o 22 de setembro de 1971, rexistrou o triunfo do equipo catalán, no que xogaba o vigués Enrique Álvarez Costas (Quique Costas). Nos seus 15 anos de historia, entre 1956 e 1971, ningún equipo galego participou nesta competición.

Palabras veciñas

Copa da UEFA | Copa Davis | Copa de Europa | Copa de Feiras [Copa das Cidades en Feiras] | Copa do Mundo | Copa EHF | Copa Federación