Copenhague

Copenhague
[ESPECT]

Espectáculo teatral producido por Uvegá Teatro, con dirección de Manuel Lourenzo, no que actuaron Iván Toxeiro e Xesús Balboa, coa escenografía de Xoán M. López Eirís. Estreouse en Vigo en xaneiro de 1995, cun considerable éxito de crítica e público. Partindo dunha posta en escena sinxela e funcional, na liña do vello teatro independente, destacou o traballo dos dous actores que interpretaron a peripecia vital de dous mozos inconformistas, Ceferino e Aurelio, no momento en que imaxinaban as posibilidades para crear un espectáculo teatral. O vello recurso do teatro dentro do teatro servía nesta ocasión para ofrecer unha visión sumamente aceda e sarcástica da situación política e cultural de Galicia, desde o que os autores do texto dramático, Andrés A. Vila e Xosé Cid Cabido, denominaban evidencialismo, movemento artístico que propoñía mostrar a cara verdadeira da realidade. Copenhague constituíu un dos espectáculos máis notables da década dos noventa, sobre todo no plano interpretativo, malia contar cunha distribución moi limitada.