Coro Ultreia de Pontevedra

Coro Ultreia de Pontevedra
[MÚS]

Grupo coral formado exclusivamente por homes fundado en 1985 co asesoramento do P. José Vallejo, monxe mercedario do mosteiro de Poio e derradeiro representante da Schola Cantorum, e aglutinado por Vicente Couceiro Bueno, o seu primeiro director. Ten como obxectivo a recuperación das orixes da música occidental, da tradición gregoriana existente antigamente no mosteiro de Poio coa súa desaparecida Scola Cantorum e a difusión dos cantos gregorianos. En 1986 deu o seu primeiro concerto e de xeito regular intervén como única actuación vogal no ciclo de Concertos de Órgano celebrados anualmente no mosteiro de Poio; nos oficios do Xoves Santo, coa representación dos Salmos do Rei David e as Lamentacións de Xeremías, e canta na liturxia correspondente; no Nadal ofrece un concerto e todos os primeiros sábados de mes canta a misa no mosteiro de Poio co gallo do canto tradicional da Salve en ton solemne. Dende 1994 está baixo a dirección de Fernando Olbés Durán, cantor fundador do coro. Entre outros concertos, participou na Semana Internacional de Canto Gregoriano de Cuenca; no concerto celebrado nas canteiras do Porriño, O son da pedra (1994), xunto co grupo Milladoiro; ademais de numerosos concertos pola xeografía de España, Portugal e Francia. Así mesmo, no ano 2000 presentou na Coruña e Vigo o disco de Carlos Núñez Mayo Longo, xunto ao grupo Martin Codax, co motivo do primeiro aniversario da reprodución dos instrumentos do Pórtico da Gloria. Colaborou con Milladoiro e The Chieftains na gravación dos discos Gallaecia Fulget (1995) e Santiago (Premio Grammy, 1997), respectivamente. En 1999 concluíu o labor de catro anos da gravación íntegra do Codex Calixtinus, formada por 4 discos titulados Iacobus (Premio da Crítica de Galicia 2000), feito que os converteu nos primeiros en realizalo internacionalmente. Ademais, na súa discografía destaca Ave Maris Stella (Premio da Crítica de Galicia 1994) e Cum iubilo (1996). Entre outros galardóns, recibiu a Medalla á Cultura outorgada en d’Aigues-Mortes (1999), o Premio Amigos de Pontevedra (1999) e o Premio Ciudad de Pontevedra (1999).