Coro Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa
Agrupación coral fundada en 1981. A partir de 1986 comezou unha nova andaina da man da súa directora Margarita Guerra e tivo como principal obxectivo a mellora da técnica vocal. O seu repertorio abrangue máis de duascentas obras de polifonía profana e relixiosa, coros de ópera e zarzuela, folclore e cantigas galegas. Pertencente á Federación Coral Galega (FECOGA), participou nas programacións culturais do Concello de Vilagarcía, da Deputación Provincial de Pontevedra, de FECOGA e da Federación de Círculos y Casinos de Galicia, e ofreceu concertos en toda Galicia. Obtivo o primeiro Premio do I Certame Coral de Noia (1989) e o Premio de Interpretación da I Mostra de Panxoliñas Xacobeo ‘93. Participou en varias edicións do Festival de Ópera da Coruña, interpretando coros de óperas (Marina, La Traviata, Fausto, etc) da autoría de, entre outros, Donizetti, Arrieta, Verdi, Massenet, Gounod e Pucini, acompañada da Sinfónica de Galicia e da Orquestra do Norte de Portugal, xunto a solistas como Carlos Álvarez, Carlos Bergasa, Ángeles Blancas e José Sempere, e baixo a batuta de Miguel Roa, Ferreira Lobo e Miguel Ortega, entre outros. Durante o ano 1996 ofreceu concertos de ópera e zarzuela en diversas cidades de Portugal, acompañada pola soprano Mª Teresa del Castillo e pola Orquestra do Norte de Portugal, coa que tamén realizou unha xira en 1997 interpretando o Réquiem de Mozart xunto a Rui Taveira, António Wagner Dinis, Isabel Mallaguerra e Mª Teresa del Castillo. En maio de 1999 gravou para a TVG un concerto antolóxico da zarzuela dirixido por Fernando V. Arias, xunto coa Orquestra Sinfónica do Conservatorio de Melide, a soprano Teresa Novoa e o tenor Francisco Heredia. No ano 2000 estreou, xunto coa Orquestra do Norte de Portugal, na igrexa da Misericórdia de Guimarães, a Misa nº 2 en sol maior de Schubert, e no Auditório Ilídio Pinho da Universidade Católica do Porto o Especial Noite Continental, con coros de óperas e zarzuelas. Da súa discografía destaca Antoloxía da Zarzuela, Folclore do Mundo e Cantata Melidá, con textos de R. Fraga e música de Fernando V. Arias, que se estreou o 17 de xullo de 1999 na capela do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.