Coro Universitario de Santiago de Compostela

Coro Universitario de Santiago de Compostela
[MÚS]

Agrupación coral creada en 1979 por iniciativa do vicerrectorado de Extensión Universitaria da Universidade de Santiago de Compostela. A súa posta en marcha asumiuna Maximino Zumalave ata 1985; posteriormente estiveron ao seu cargo Xan Viaño, Margarita Guerra, Juan Carlos García Pardo, Juan Carlos Dorgambide e, dende 1999, Miro Moreira. Dende os seus inicios compaxinou o repertorio a capella coa interpretación de grandes pezas como Dido and Aeneas (Dido e Eneas) ou Magnificat, de Vivaldi. Dentro da súa traxectoria profesional destaca a recuperación de pezas de mestres de capela das catedrais galegas (Melchor López ou Diego de Muelas), a presentación de obras de compositores contemporáneos (Carmelo Bernaola, Antón García Abril ou Tomás Marco) e a atención á produción de músicos galegos (Enrique Macías, Ángel Barja ou Rogelio Groba). Así mesmo, realizou un labor de afondamento nos diferentes estilos da historia da música coa interpretación de programas monográficos dedicados á polifonía renacentista coa interpretación de pezas de, entre outros, Victoria e Diego de Muelas; ao Barroco, cunha recompilación de corais de Bach, obras de Vivaldi e Händel; ao clasicismo, co Stabat Mater, de Haydn; ao lied romántico, con composicións de Schubert, Mendelssohn e Brahms; ou á música do s XX, coa estrea en Galicia da obra Ceremony of Carols, de B. Britten. Realizou numerosas actuacións en diversas cidades de España, Francia e Portugal, e interveu nos festivais de ópera da Coruña. Colaborou, entre outros artistas, con Miguel Zanetti, Montserrat Torrent ou John Hoban, e actuou xunto a Manuel Cid, Barry Anderson, Mabel Perelstein, Enedina Lloris e Soraya Chaves.

Palabras veciñas

Coro Lembranzas Galegas | Coro Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa | Coro Ultreia de Pontevedra | Coro Universitario de Santiago de Compostela | coro- | coroa | Coroa Austral