corocha
Herbácea do xénero Ajuga, da familia das lamiáceas. De ata 30 cm de altura, presenta talos de sección cuadrangular, con follas dispostas de xeito oposto, flores de corola zigomorfa cun anel de pelos interno e cun labio inferior con tres lóbulos desiguais -o medio máis groso- e o labio superior reducido a dous pequenos dentes. En Galicia están presentes as especies: A. chamaepitys, pilosa e ramificada dende a raíz, con follas de tres divisións longas, estreitas e romas, que arrecenden a resina de piñeiro ao fregalas, con flores de cor amarela co labio inferior punteado de vermello, e propia de ambientes secos e pedregosos do sueste do país; A. pyramidalis, planta erecta con follas enteiras ovadas nunha mouta basal, con flores de cor púrpura coas brácteas máis curtas ca elas, característica de prados de montaña; e A. reptans, planta sen pelos, con talos rastreiros que forman estolóns, con follas enteiras e ovadas, e flores de cor azul coas brácteas máis longas ca elas, que aparece en lugares húmidos, prados e bosques.