Corpo Santo, capela do
Santuario situado en Santa Cruz de Viana (Chantada). Acolle os restos de frei Miguel González, coñecido como o corpo santo. Nun libro de 1720 recóllese a lenda dun suceso acontecido a comezos do s XIII. Disque frei Miguel González marchou en peregrinación a Santiago de Compostela con frei Pedro dos Moriños e san Pedro González Telmo. Ao chegaren á lagoa do Cepo, en Santa Cruz, pousaron o seu báculo na terra e este converteuse nunha pereira. Despois de coroar o monte do Faro, frei Miguel pediulles aos seus compañeiros que se morría o soterrasen na primeira igrexa onde escoitasen soar unhas campás. Trala súa morte, a igrexa de Santa Cruz foi a que primeiro fixo soar as campás e os seus compañeiros, cumprindo a súa derradeira vontade, enterrárono alí. Desde entón comezaron a sucederse os milagres neste templo e os veciños converteron o sepulcro orixinario nunha capela cun altar no que se esculpiu unha imaxe en pedra do freire.