Correa
-
[ONOM]
Apelido que tivo a súa orixe nun alcume que se aplicou, como representativo do oficio, a individuos que traballaban o coiro e mesmo aos peleteiros. Documéntase no s XIV: “Marty Correa de Pascoal” (doc ano 1373 en Mª C. Barreiro Fernández, A documentación notarial do Concello de Noia (séculos XIV-XVI): lectura, edición e léxico, 1995, p 23).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe natural de Salceda de Caselas. Tivo casas en Salvaterra de Miño e na vila luguesa de Aguiar (Outeiro de Rei). Estendeuse por toda a Península e pasou a Perú, Colombia e Venezuela. Os de Galicia, Castela e Extremadura traen como armas, en campo de ouro, unha aguia de sable, cargada dun escusón de ouro, celosiado de seis pezas de goles. Algúns usan escudo acuartelado: primeiro e cuarto cuartel, en campo de ouro, con catro paos de goles e, entre eles, tres fouces; segundo cuartel, partido (a primeira partición, en campo de ouro, cunha aciñeira de sinople, sumada dunha cruz chá de goles; e a segunda partición, en campo de prata, cunha cruz de Santiago de goles); terceiro cuartel, en campo de prata, cun castelo de azul. Entre outras moitas variantes que se recollen desta estirpe cómpre destacar: en campo de ouro, tres faixas de azul; en campo de ouro, cinco correas de goles con fibelas de azul, postas en pao; en campo de goles, cinco correas de ouro e bordo de prata con oito roeis de azul; en campo de prata, unha aguia de sable, voante, picada e membrada de ouro, co peito cargado dun escudiño de goles cunha banda de ouro; en campo de ouro, celosiado de goles de seis pezas.