corrector -ra

corrector -ra

(< lat correctōre)

  1. adx e s

    Que ou quen corrixe.

    Ex: Aplicáronse medidas correctoras para frear o fracaso.

  2. s
    1. Persoa que corrixe para detectar os erros nun texto e outorga unha cualificación.

      Ex: Os correctores das probas de ingreso na Academia tiñan que ser imparciais.

    2. Persoa que se dedica profesionalmente a corrixir as probas de imprenta.

      Ex: Os correctores deben eliminar os erros tipográficos e de estilo.

  3. s m [AUTOM]

    Dispositivo que se introduce nun sistema de control retroactivo para compensar a súa inestabilidade ou mellorar o seu transitorio. Actúa mediante a modificación da resposta frecuencial do sistema en bucle aberto ou a través da reforma do lugar xeométrico das raíces. En xeral, está instrumentado por medio de filtros eléctricos (control analóxico) ou con ordenadores (control dixital). Segundo a situación no bucle recibe o nome de corrector en serie (ou en fervenza) ou corrector en paralelo (ou tacométrico). Tamén se denomina regulador, controlador ou ecualizador.

  4. s m [FÍS]

    Circuíto destinado a modificar a curva de resposta dun aparello ou dispositivo en función da frecuencia. Desta maneira pódense compensar certos efectos prexudiciais e mellorar a resposta nunha ampla marxe de funcionamento.

  5. s m [HIST]

    Maxistrado provincial romano da época imperial. Tiña as funcións de manter a orde e vixiar os edificios.

  6. s m [POLÍT]

    Membro da chancelería pontificia, a partir do s XIII, encargado de revisar e corrixir as minutas dos notarios.

  7. s m [RELIX]

    Superior dun convento da orde dos mínimos.

  8. corrector altimétrico [TECNOL]

    Dispositivo que se aplica aos carburadores para compensar as diferencias de presión atmosférica, producidas pola altura, que poderían afectar ao funcionamento do motor.

  9. corrector ortográfico [INFORM]

    Aplicación informática ou módulo dunha aplicación que permite revisar a ortografía dun texto para detectar as palabras que conteñan incorreccións e propor termos alternativos.

Palabras veciñas

correctio* | correctivo -va | correcto -ta | corrector -ra | corredeira | Corredeira | corredención