correo

correo

(< cat correu < occitantigo corrieu ‘mensaxeiro’)

    1. s m

      Persoa que ten por oficio levar avisos, cartas ou calquera outro envío dun lugar a outro. Na Idade Media existía o correo a pé, o correo dacabalo e o correo mariño. Os correos podían estar ao servizo dun comerciante ou doutra persoa principal, do rei (correo real), dun concello (correo de cidade), etc; ou ben ao servizo do público, polo que formaba parte dunha organización de correos; neste caso, en cada poboación principal había un hóspede de correos (tamén chamado mestre de correos) que centralizaba a expedición das cartas e, á fronte da organización dun reino ou territorio, un correo maior ou mestre maior de correos. Se ben as persoas que desempeñaban estes labores xa se consideraban funcionarios públicos dende o s XIV, o servizo non se fixo estatal ata 1716, coa aparición dos carteiros, malia que non chegou a todos os concellos ata mediados do s XIX.

    2. correo diplomático

      Axente do ministerio de Asuntos Exteriores encargado de levar os despachos aos embaixadores.

  1. s m
    1. Servicio público, tamén chamado servicio de correos, que ten por obxecto o transporte e a repartición da correspondencia oficial e particular. Nos imperios asirio e persa do I milenio a C xa existía un servizo de correos exclusivamente real; posteriormente, acadou un importante pulo co Imperio Romano gracias, sobre todo, á construción das grandes vías de comunicación. Na Idade Media experimentou unha certa regresión e no s XIV creouse un correo mercantil, feito que desenvolveu unha especie de servizo público que podían utilizar un bo número de persoas privadas. No s XV, a familia Tasso ou dos Tassis, de orixe bergamasca, creou unha organización propiamente dita con estacións para o cambio de cabalos (coñecidas como postas) e con servicios internacionais. Activos nun primeiro momento en Venecia, Maximiliano I chamounos para organizar servicios similares en todos os dominios imperiais. O resultado foi a creación dun monopolio de correos que abrangueu progresivamente os diversos estados europeos e que perdurou, na maioría dos casos, ata o s XIX. Esta entidade de transporte postal trasladouse a Bélxica, onde organizaba estes servicios, en principio a cabalo e despois en dilixencias, tiradas por entre catro e sete cabalos, servizo de viaxeiros, paquetes e correo postal. A empresa comezou a cubrir as principais rutas de Europa e exerceu durante moitos anos unha especie de monopolio, de grande eficacia. Integrouse en España durante o reinado de Carlos I e exerceu este monopolio dende 1518, traída da man da Coroa aragonesa, que se mantivo independente durante longos períodos. A organización era case perfecta e o correo evolucionou. Creouse a primeira ruta a longa distancia entre Bruxelas e París no ano 1501, con diversas paradas de posta no percorrido que unían as vilas, mentres se realizaban os cambios de cabalos de tiro para proseguir de forma rápida e sen perda de tempo. Ás veces, cando os viaxeiros eran persoas importantes ou do servizo oficial, levaban unha escolta para maior seguridade. No que se refire ao correo marítimo, España despois do descubrimento de América, empregou as naves do Estado ao principio e, posteriormente, xurdiu unha planificación dos denominados correos marítimos, que cubrían os servicios postais de todos os territorios hispanoamericanos a partir de 1764. A Coruña foi o lugar de saída e chegada entre 1689 e 1815, a que enviaba e recibía a correspondencia para as rutas de Inglaterra, que partían dende o porto inglés de Falmouth. Os correos marítimos británicos, denominados Packet Service, iniciáronse no período prefilatélico (1688) co Falmouth Packet Service, con saída do porto de Falmouth. Posteriormente, estes servicios marítimos-postais ampliáronse aos grandes portos comerciais de Plimouth, Portsmouth, Londres e Southmapton, e articularon un intercambio comercial marítimo de tanta importancia que influíu de xeito decisivo no transporte da correspondencia. Creáronse numerosas marcas prefilatélicas e nos portos da Coruña, Vigo, Cádiz, El Campo de Gibraltar e Tenerife utilizáronse os timbres ingleses. En Vigo empregáronse dous tipos de marcas inglesas: un cuño era unha especie de timbre da oficina consular en Vigo; o outro, era o clásico fechador inglés que empregaban en diferentes portos de España e noutras rutas de ultramar. O seu debuxo consistía nun círculo dobre, cortado arriba e pechado co nome de Vigo, debaixo a data do mes e ano, e ao final unha letra A. As tarifas destas cartas pagábanse no destino se a correspondencia era inglesa; se era o caso contrario aboábanse nas oficinas do vicecónsul británico de Vigo. En 1837 iniciouse o correo a vapor da empresa Peninsular e Oriental Steam Navegatione Company de Londres, que foi a que realizou o primeiro contrato para o servizo postal do Reino Unido con España e Portugal, firma de gran prestixio nas rutas marítimas mundiais e moi vinculada ao porto de Vigo, cidade na que figuraba como consignataria a firma Estanislao Durán e Hijos, SA, fundada en 1860. O emprego do correo en Galicia, de forma organizada polo Estado para o servizo público, xurdiu a partir de s XVI e coincidiu cos demais países europeos. A presenza de Galicia na filatelia de España ten dentro da historia do correo unha grande importancia, especialmente na época prefilatélica (1716-1849), ou sexa, cando aínda non se inventara o selo de correos. Debido á configuración dispersa das poboacións en Galicia, había moitas estafetas postais onde se lle imprimía unha marca ou sinal do remitente nos sobreescritos, co que se rexistraron preto de 300 sinais. O itinerario principal de Madrid a Galicia correspondía á chamada carreira Castela-Galicia, que tiña saída de Madrid á Coruña, por Benavente, Astorga, Lugo e Betanzos, cun total de 599 km de estrada. Este era o percorrido máis directo e, dende o porto da Coruña, o mellor enlace para o correo marítimo para Europa e América, do denominado percorrido norte. A liña sur saía pola mesma ruta anterior e, ao chegar a Benavente, desprazábase cara a Ourense e seguía por Ribadavia para proseguir polas aldeas das beiras do Miño e chegar ao Porriño ata alcanzar o porto de Vigo, que logo tivo unha grande importancia para a navegación do correo marítimo de América. No ano 1828 documéntase, nunha obra de Antonio Marqués y Espejo, que o itinerario da ruta postal entre Madrid e Vigo pasaba por un total de 126 vilas e aldeas que cruzaban o camiño da dilixencia de Madrid a Ourense, e do correo a cabalo ata Vigo, nun total de 93 leguas. En 1845, Galicia posuía 49 estafetas postais. As primeiras tarifas postais apareceron a finais do s XVI, pero non foi ata o s XIX cando o inglés Rowland Hill inventou o selo, adoptado pola administración española de correos no ano 1850. O servizo do correo ten varias modalidades: correo aéreo, se o transporte se fai por avión; correo de superficie, se se fai por medio de barcos, ferrocarrís ou camións; correo urxente, que se consigna ao destinatario inmediatamente despois da súa chegada mediante un servicio especial; correo interno, que serve para trasladar a correspondencia entre as distintas dependencias dun mesmo organismo, empresa ou institución; e correo certificado, que consiste en rexistrar por escrito en documentos de carácter oficial o envío e a entrega. A distribución da correspondencia a domicilio faise normalmente por medio dos carteiros, pero hai outros sistemas, como o apartado de correos ou a lista de correos. En España, o servizo de correos constitúe un organismo autónomo dirixido dende a dirección xeral de Correos y Telégrafos, dependente do ministerio de Fomento, que no ano 2001 se transformou en sociedade anónima estatal. No ano 2001 comezou a operar nas principais cidades españolas un servicio de correo postal privado baixo o nome comercial de Vía Postal. Diversas organizacións internacionais de carácter rexional regulan a colaboración postal entre os diversos países, pero as normas internacionais para o correo fíxaas a Unión Postal Universal.

    2. ehículo de transporte público (ferrocarril, avión, navío, coche ou calquera tipo de automóbil) que transporta habitualmente a correspondencia e outros obxectos remitidos a través do servizo de correos. OBS: Adoita empregarse en aposición.

      Ex: O tren correo chega á estación ás nove e media. Antigamente eran moi populares os vapores correo.

  2. s m

    Conxunto de cartas, documentos e paquetes que se expide, transporta ou recibe por correo.

  3. s m

    Local ou oficina onde se organiza o servicio de correos nunha localidade. OBS: Xeralmente, emprégase en plural.

    Ex: O edificio novo de correos está no centro da cidade.

  4. [INFORM]
    1. s m

      Mensaxe ou conxunto de mensaxes que se reciben ou mandan a través das redes informáticas.

    2. correo de voz

      Mensaxe electrónica que se recibe por teléfono, gravada e reproducida automaticamente cando o destinatario a solicita. Os sistemas de correo de voz contrólanse por ordenador. Tamén hai aplicacións de correo electrónico que permiten enviar mensaxes sonoras en lugar de escritas.

    3. correo electrónico [ingl: e-mail]

      Sistema que permite a transmisión de mensaxes por ordenador dunha máquina a outra ou outras ao mesmo tempo. As mensaxes chegan inmediatamente ou en prazo moi breve ao seu destino e gárdanse nun servidor de correo. Logo, poden imprimirse, gardarse nun disco ou enviarse de novo a outras persoas. Ás veces é necesario gardar copias de seguridade das mensaxes que se envían ou se reciben, xa que aínda que se mande un documento encriptado sempre existen posibilidades de que alguén poida abrilo e descifralo.

  5. caixa do correo

    caixa do correo.