Correo da Unesco, O
Revista internacional de periodicidade mensual que se edita en braille e en 36 linguas, entre elas a galega. A primeira publicación en galego apareceu en 1989, cando figuraba como director xeral da UNESCO o español Federico Mayor Zaragoza. Sen subtítulo, cada número aparece baixo un epígrafe diferente. Coordinan a edición galega Xabier Senín e Xosé Cermeño. Contén novas e artigos referidos a diversas cuestións como, a situación en África, a celebración do entroido en Rio de Janeiro, a hospitalidade dos pobos, os nenos, a ciencia e o home, a historia do mundo e das relixións, o universo, a liberdade ou as cidades. Ademais, inseriu entrevistas a diversas personalidades do mundo artístico, político e intelectual, entre outros, François Miterrand, Jorge Amado, Richard Attenborough, Václav Havel, Gabriel García Márquez, Jacques-Yves Cousteau, José Carreras e Oliver Stone, entre outros. Sobre todo, préstalle unha especial importancia á acción da UNESCO no mundo e á protección dos elementos culturais e ambientais que conforman o Patrimonio da Humanidade.