corrido*
Composición poética de carácter popular, orixinaria de México, que se divide en varias estrofas, normalmente formadas por catro versos octosílabos. Divulgada desde mediados do s XIX, cántase cun acompañamento instrumental e, ás veces, é interpretado mesmo por un conxunto de mariachis que tocan guitarras, violíns e trompetas. Poetiza feitos cotiáns, acontecementos importantes dunha determinada comunidade, crimes e desgracias, como o da matanza na Plaza de las Tres Culturas (1968) ou a Revolución (1910-1938), no que se enmarcan temas, como La cucaracha ou La Adelita, sobre o heroísmo dos combatentes. É común a todos eles a proclamación dunha moral popular, a miúdo dominada pola familiaridade coa morte e por unha concepción fatalista da existencia, con motivos recorrentes, como a conquista dos españois (La Malinche) ou o desprezo dos crioulos polos indíxenas.