Cosme
Prenome que, etimoloxicamente, parece proceder do latín eclesiástico Cosmas, termo derivado do grego Kοσμ ã ς; e este, á súa vez, de κόσμιον ‘ornamento’. Segundo outra hipótese, a súa orixe estaría no grego κόσμιος ‘modesto, prudente’, voz que deriva probablemente do verbo κοσμέω ‘ordenar’ ou do substantivo κόσμος ‘orde, mundo, ceo, gloria’. Este antropónimo presenta as variantes Cósmede e Cosmade, e como formas populares, Corme e Colme. San Cosme e san Damián (ss III-IV), celebrados o 26 de setembro, son patróns dos médicos e farmaceúticos. En Galicia, san Cosme é titular de 25 parroquias (coa forma Cosmede en Cusanca, concello do Irixo) e patrón de Barreiros, onde o celebran o 27 de setembro. Na tradición oral recóllense ditos que testemuñan a devoción cara a estes santos: “San Cosme e san Damián, con doutor e sen doutor, os teus males sanarán”, “Hei de ir ao señor san Cosme, / hei de ir e vir por Baiona, / ver a santa Liberata / na súa capela nova”, “Señor San Cosme do Monte / feito de pau de amieiro / irmán das miñas tamancas / tírame deste aloqueiro”.