Costa Rico, Antón

Costa Rico, Antón

Pedagogo e profesor. Licenciouse en Filosofía e Letras (sección de Pedagoxía) na Universidad Pontificia de Salamanca (1975), onde defendeu unha tese de licenciatura, escrita en galego, sobre a pedagoxía de C. Freinet e a educación popular. Doutourouse en Ciencias da Educación pola Universidad de Salamanca (1982) cunha tese sobre a historia contemporánea da escola primaria en Galicia. Profesor de política e lexislación educativa e historia da educación en Galicia na Universidade de Santiago de Compostela, foi vicedecano da facultade de Filosofía e Ciencias da Educación (1989-1991), director do Instituto de Ciencias da Educación (1992-1994) e decano da facultade de Ciencias da Educación (1997-2001). Estivo vinculado ao movemento estudantil democrático, ao grupo galego de Salamanca e á directiva salmantina da Junta Democrática de España. En Galicia, desde 1976, vinculouse coas correntes progresistas do nacionalismo político e cultural e pertenceu á ANPG e ao POG, e á súa transformación posterior en PSG-EG e UG. No campo da renovación pedagóxica foi un dos impulsores do nacemento e desenvolvemento da pedagoxía Freinet, que deu pulo posteriormente á creación da asociación Nova Escola Galega (1983), da que foi secretario e presidente. Participou en distintas publicacións educativas, nas que destaca o seu labor como membro do consello de redacción da páxina periodística “La Educación como Tema”, do xornal salmantino El Adelanto; do suplemento educativo “A Pizarra”, de Faro de Vigo (1983-1987); e do consello editorial de Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación. Foi, ademais, un dos impulsores e secretario da Revista Galega de Educación e un dos iniciadores da primeira revista pedagóxica en galego As Roladas-2 (1978-1981). Foi membro de varios equipos investigadores e director do primeiro Informe sobre a situación educativa Galega do Consello Escolar de Galicia (1993). Asesor e colaborador de educación da Gran Enciclopedia Gallega e da Enciclopedia Galega Universal, foi presidente das comisións organizadoras do VI Coloquio Español de Historia da Educación (Santiago, 1989) e do IV Encontro Hispano-Portugués de Historia da Educación (Allariz, 2001). Foi editor das Actas del VI Coloquio Español de Historia de la Educación e da obra de C. Freinet traducida ao galego Técnicas Freinet da Escola Moderna (1996), ademais de recuperar o legado bibliográfico do inspector republicano Manuel Díaz Rozas. Foi coordinador en colaboración da exposición bibliográfica e documental A educación en Galicia 1669-1970 (Santiago, 1998). Ademais de ser correspondente en Galicia de Cuadernos de Pedagogía (1978-1994) e do Boletín de la Sociedad Española de Historia de la Educación, publicou numerosos artigos en revistas especializadas e, entre outros, os libros O ensino en Galicia. Problemática e perspectivas (1980), Materiais de organización e de planificación educativa (1985), Organización e Administración Escolar. Fundamentos (1985), Escolas e Mestres. A educación en Galicia: da Restauración á IIª República (1989), A Colonia Escolar Compostelana de 1893. Primeiro centenario (1993), Historia do Ensino no Reino de Galiza (414-1483) (1995) e A Reforma da Educación (1906-1936). X. V. Viqueira e a historia da psicopedagoxía en Galicia (1996).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Castellar de la Frontera, Cádiz