Cretáceo
Derradeiro período da Era Secundaria, despois do Xurásico e antes do Paleozoico (Terciario). Iniciouse hai uns 140 millóns de anos e prolongouse uns 78 millóns. Foi unha época dunha grande intensidade magmática e oroxénica: xurdiron os Andes e as Montañas Rochosas, eleváronse os Alpes baixo o mar de Tetis e, cara ao L, os Cárpatos e as cordilleiras do Himalaia. O clima non presentaba grandes diferencias con respecto ao Xurásico. A flora era abundante, cun gran desenvolvemento das anxiospermas e coa aparición das dicotiledóneas. Abundaban os foraminíferos, principalmente as orbitolinas. Tamén había moitos equinodermos e, entre eles, cómpre destacar os lamelibranquios, sobre todo rudistas. Os cefalópodos presentaron unha evolución regresiva e os ammonítidos chegaron a desaparecer. Os peixes estaban representados polos elasmobranquios e os teleósteos. Entre os réptiles xurdiron novas formas como os quelonios e os mososauros; continuou o desenvolvemento dos dinosauros e desapareceron os pterosauros ou grandes réptiles voadores. As aves seguiron co seu proceso evolutivo e entre os mamíferos xurdiron os primeiros placentarios.