Crime en Compostela

Crime en Compostela
[LIT]

Novela publicada por Carlos González Reigosa en 1984, que acadou o Premio Xerais de Novela no mesmo ano. É a primeira incursión da narrativa galega no xénero policial, onde a trama xira ao redor da contradición aparente que suxire o título, construído a partir da afirmación implícita do crime como feito inconcibible na cidade santa de Compostela. Narra a investigación do detective Nivardo Castro para descubrir o asasino do construtor Aurelio Xieiro por encargo de Teresa, amante de Aurelio, que pretende demostrar a implicación no crime do seu home e antigo socio do morto, Terencio Rancaño. Conforme avanza a acción a trama complícase, aparecen novos sospeitosos e desemboca no descubrimento dos asasinos, dous personaxes en principio marxinais na novela. A característica fundamental da obra é a incorporación de elementos alleos á narración policial clásica, isto é, o papel de peregrino asumido polo detective como fío condutor e a súa peculiar relación coa cidade, na que desexa integrarse a través do coñecemento da súa arte, gastronomía e costumes. Ao mesmo tempo, a estancia do protagonista en Compostela proporciona o marco no que se desenvolven unha serie de temas, como a corrupción da sociedade galega, os acontecementos políticos do momento en España, a cultura galega ou o nacionalismo. O tema da peregrinación combínase sen conflito co tema detectivesco. Ambos conciben un protagonista afastado da acción que observa e tenta atopar sentido ao que observa, de xeito que busca o asasino e a comprensión da cidade e de Galicia, que o sitúa ante o enigma da súa propia identidade, do lugar que lle corresponde no mundo. O protagonista é un personaxe complexo que supera os estereotipos do xénero, como resultado da tentativa de adaptar a figura allea do detective á cultura galega. Isto explica o afán do autor por informarnos da súa vida anterior á instalación nos EE UU, desde onde chega á cidade: a infancia na montaña lucense, os primeiros estudios no Seminario de Mondoñedo, a emigración, etc. O seu trazo individualizador máis importante é o fracaso da súa dobre busca xa que resolve o caso só en parte e deixa cabos soltos que descubrirá pola prensa trala súa marcha da cidade. Ademais, incumpre o encargo da súa clienta de demostrar a culpabilidade de Terencio Rancaño e busca a verdadeira causa da súa morte. Tampouco chega a coñecer a historia de Compostela, nin a experimentar ningunha sensación de pertenza a ela ou a Galicia. A cidade convértese nun segundo protagonista, cun ritmo de seu que progresivamente afoga o detective, que chega a fartarse da historia, da arquitectura e do mito.

Palabras veciñas

Crigler-Najjar, enfermidade de | crime | Crime e castigo | Crime en Compostela | Crimea | Crimea, Guerra de | Crimenso