crocodilo
(< lat crocodīlu < grκροκόδειλος)
-
s
m
[ANIMAL]
Animal de cabeza grande, afundida e alongada no fociño, cun corpo semellante ao dun lagarto pero con placas córneas por enriba en vez de escamas. Ten a cola longa e moi poderosa, que lle serve coma órgano propulsor para a natación ou a defensa. As patas son curtas, as anteriores teñen cinco dedos libres ou unidos por unha membrana, e as posteriores teñen catro, de carácter membranoso. Son animais ben adaptados ao medio acuático. Os orificios nasais ábrense no extremo do morro, en posición dorsal, e están dotados dun sistema valvular que lles permite pechalos cando o animal se somerxe; os pulmóns teñen unha gran capacidade e poden almacenar o aire suficiente para as inmersións, que poden ser breves ou moi longas. A miúdo permanecen completamente mergullados, soamente cos orificios nasais e cos ollos na superficie, feito que lles permite vixiar constantemente, buscando posibles víctimas. Entón, mediante un pregamento palatino, poden separar o aparello respiratorio completamente do dixestivo, e desta forma poden coller as presas aínda que estean mergulladas. Son animais principalmente activos no solpor. Aliméntanse de peixes ou animais, as máis das veces, de maiores dimensións ca eles.
Confrontacións: caimán, gavial. -
crocodilo americano
[ANIMAL]
Animal duns 3,5 m de longo que se caracteriza por ter o fociño moi longo. Está distribuído dende Ecuador ata Florida.
-
crocodilo africano/crocodilo do Nilo
[ANIMAL]
Animal que mide entre 4 e 5 m de longo. Vive nos ríos da zona tropical e subtropical de África.
-
crocodilo malaio
[ANIMAL]
Animal que chega aos 5 m de longo e que ten o fociño moi longo. Vive nas augas interiores da península de Malaca e das illas de Borneo e Sumatra.
-
crocodilo anano
[ANIMAL]
Animal de ata 1,75 m de lonxitude e cun tabique nasal óseo. Vive en África occidental, especialmente na cunca do río Congo.
-
crocodilo indio
[ANIMAL]
Animal de ata 5 m de lonxitude. Vive nos ríos e en zonas lamaguentas da India, Sri Lanka, Myanmar, etc.
-
crocodilo indopacífico
[ANIMAL]
Animal de ata 10 m de lonxitude. É característico dos esteiros dos ríos meridionais da India, Sri Lanka, Myanmar, China meridional, etc. A miúdo penetra no mar ata 100 m da costa.