Crónica de Santa María de Iria

Crónica de Santa María de Iria
[HISTORIOG]

Texto galego do s XV conservado en dúas versións. Unha nun manuscrito do arquivo da catedral de Santiago (14 follas) e en dúas copias deste: manuscrito 1.228 da Biblioteca Nacional de Madrid (do XVI) e manuscrito 1.924 da Biblioteca Universitaria de Salamanca (do XVII). A outra nun manuscrito da Biblioteca Vaticana (do XVII). Ademais diso, en 1888 López Ferreiro citaba outros cinco manuscritos, actualmente de paradoiro descoñecido. A versión da Biblioteca Vaticana indica que se escribiu en 1444 e que a compuxo “Jan Rodriguez do Padron”, coincidindo cun códice que posuía A. Fernández Guerra, pero non hai fundamento para esta atribución. O códice de Santiago foi escrito en 1468 por Rui Vasques, clérigo de Chacín (Mazaricos). O autor tenta facer unha exaltación da igrexa de Iria, onde estivo o bispado antes do seu traslado para Santiago, e refírese aos bispos de Iria-Compostela desde os inicios ata os tempos de Diego Xelmírez. Para a elaboración do texto utilizou como fontes o Chronicon Iriense e a Historia Compostellana e tamén, posiblemente, o Chronicon ex Historiae Compostellanae. Indica cómo foi edificada a igrexa, cál foi o primeiro bispo e qué terras lle foron atribuídas no Concilio de Braga. Fala das idades do mundo ata a translación do corpo do Apóstolo (levado polo mar ao porto de Iria e sepultado en Compostela) e dos pobos xermánicos que chegaron a Galicia (especialmente dos godos e dos suevos). Logo describe a fundación da igrexa polo rei suevo Miro no castro de Ilio, poboado pola filla dun rei de Troia (por ela chámalle ao lugar Iria) e as terras que lle dá ao bispado. Despois segue cos reis godos, a chegada dos árabes e o inicio da Reconquista, coa lista dos bispos e co reinado de Afonso II, quen constrúe a nova igrexa de Santiago e traslada o bispado para ela tralo descubrimento do sepulcro do Apóstolo. Indica que en Iria están sepultados 28 bispos, entre eles o arcebispo Rodrigo de Luna, e aproveita isto para interpolar acontecementos ocorridos na súa propia época, cousa moi valiosa do punto de vista historiográfico porque para algúns feitos é a única fonte da que se dispón: loita entre o arcebispo e a nobreza (1459 e 1461), a prisión do arcebispo Afonso de Fonseca en Noia (1465), o cerco da catedral (1466), a Revolución Irmandiña e a morte de Álvaro Pais de Soutomaior (1468). Continúa cos reis de León, cos bispos de Santiago e cos episodios máis relevantes da época (entre eles a falsa acusación contra o bispo Ataúlfo e o milagre do touro “asañado” que lle entrega os cornos en sinal de submisión). Vén logo o reinado de Afonso III, a construción dunha nova igrexa en Santiago e a súa consagración, o milagre da salvación do bispo Gondesindo, a Batalla de Clavijo e os votos a Santiago no reinado de Ramiro II, a guerra contra os normandos e a defensa feita polo bispo Sisnando e algunhas referencias a san Rosendo. Tamén fala da chegada de Almanzor a Compostela e do mal de disentería que acometeu os mouros, dos bispados de Cresconio e Diego Pais, do que aconteceu na época dos condes Raimundo e Urraca e das grandes obras realizadas por Diego Xelmírez (só ata o ano 1108). Máis que polo seu valor histórico, a Crónica ten un gran valor lingüístico ao reflectir o estado da lingua nunha época na que non hai moitos textos histórico-literarios en galego.