Crónica de una muerte anunciada
Novela publicada por Gabriel García Márquez en 1981. Baseada nun feito real, recrea os acontecementos e circunstancias que rodean un crime, resultado dunha vinganza por unha ofensa de honor. Narra o asasinato do protagonista, Santiago Nasar, por dous irmáns, Pedro e Pablo Vicario, que o consideran responsable da perda da virxindade da súa irmá, Ángela Vicario, que acaba de casar e que é repudiada por Bayardo San Román, forasteiro que chegara á vila meses atrás. Inspirada nos modelos da crónica xornalística e da novela policíaca, é unha historia circular que comeza e remata coa morte do suposto culpable. O narrador preséntase como investigador que tenta aclarar o suceso a partir da reconstrución do período que transcorre desde o remate das celebracións da voda ata a consumación do crime anunciado. Ao longo de cinco capítulos, o narrador-cronista avanza e retrocede na sucesión lóxica dos acontecementos e alterna os seus recordos e as súas impresións posteriores co testemuño dos personaxes e con diversos documentos que introducen diferentes perspectivas da trama. O conxunto de datos xera unha sensación de verosimilitude en canto aos pormenores da traxedia que, sen embargo, non logra despexar incógnitas e ambigüidades, en especial, da presunta culpabilidade do protagonista. O relato cuestiona a capacidade das probas documentais para aclarar unha realidade incerta e mesmo da literatura, que non consegue explicar os feitos, senón que tende a poetizalos e transformalos. Xunto á información puntual sobre o crime, recóllense aspectos da vida dos protagonistas, desde a infancia ata a vellez. Esta proxección ao futuro revela a verdadeira dimensión da novela como unha historia de amor, posto que se informa da súbita paixón de Ángela Vicario xurdida da ruptura e das dúas mil cartas sen resposta que enviou ao seu home durante vinte e tres anos ata que finalmente se produciu o reencontro e a reconciliación. Deste xeito, converte unha crónica de sucesos no relato dunha paixón amorosa que supera a ofensa e o rexeitamento, a soidade e o silencio, e mesmo o paso do tempo. A obra caracterízase pola alternancia de niveis e rexistros, desde o oral popular ata a lingua escrita de signo literario-poético; e polo contraste entre o serio e o humorístico, e entre a obxectividade da crónica e as pasaxes de corte fantástico. A expresión é directa e sintética, cargada de certo simbolismo e dun forte dramatismo que convive coa ironía, a hipérbole, a parodia e a presenza constante do erotismo.