cruces de pedra na Galiza, As
Ensaio publicado por Afonso Daniel Rodríguez Castelao en 1950 na Editorial Nós. A edición do libro estivo ao coidado, en Bos Aires, de Núñez Búa, Luís Seoane e Rodolfo Prada. A modo de epílogo inclúe un texto de síntese sobre a vida e obra de Castelao, titulado “Digest for the english-speaking reader”, da autoría de Blanco Amor e traducido ao inglés por G. Hennessy. A súa aparición coincidiu practicamente coa morte do autor quen, enfermo de gravidade, chegou a asinar os pregos dalgúns exemplares. Obra de xestación difícil e demorada no tempo, tivo a súa xénese práctica arredor de 1920, cando o autor realizou os primeiros debuxos, labor que coñeceu novo pulo en 1924, cando Castelao ingresou no Seminario de Estudos Galegos (feito que o propio Castelao lembra nas “Verbas limiares” do libro). Xa en 1934, o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega -publicado só en 1964- leva o mesmo título. Quizais considerase que este traballo monográfico, que constitúe un ensaio histórico e etnolóxico sobre un tradicional símbolo relixioso da arte cristiá, era a súa obra máis importante. De feito, confesou: “Descubrín nos cruceiros un aspecto do noso arte popular aínda non estimado como cousa importante. E velaí o que máis me importou”. Inspirado no tesouro da arte popular galega de carácter relixioso (cruceiro), este libro non esgota o tema que trata, pero cómpre salientar a súa riqueza plástica, as axeitadas interpretacións, a modernidade dos enfoques e a amplitude de coñecementos que demostra o autor, que pon en relación permanente o home co símbolo da cruz, como “espiña dorsal do cristianismo”. En 1984 a Editorial Galaxia de Vigo fixo unha edición facsimilar respectuosa co orixinal da primeira edición.